A Subdirección Xeral de Compras e Servizos

A Subdirección Xeral de Compras e Servizos

A Subdirección Xeral de Compras e Servizos é o órgano ao cal lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación nos cales actúe como órgano de contratación a Dirección Xeral de Recursos Económicos.
b) A coordinación das actuacións xerais do Servizo Galego de Saúde na xestión da contratación, do aprovisionamento, da hostalaría, do mantemento técnico e loxística en xeral dos centros do organismo autónomo.
c) O asesoramento nas ditas materias aos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde.
d) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.
 
Contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
 
  • Servizo de Contratación (Funcións):

  • a) A tramitación dos expedientes de contratación dos servizos centrais do organismo autónomo e os de contratación centralizada para os centros de gasto, agás os referentes a obras, e equipamentos, proxectos, dirección e control de calidade das obras e de asistencia sanitaria.
  • b) A coordinación dos informes e a tramitación dos expedientes de contratación que autorizarán os órganos centrais do Servizo Galego de Saúde ou o Consello da Xunta de Galicia, dentro da súa área de responsabilidade.
  • c) O apoio administrativo á Comisión Técnica de Contratación do Servizo Galego de Saúde.
  • d) A coordinación, proposta de instrucións e fixación de criterios para a homoxeneización dos procedementos de contratación do Servizo Galego de Saúde, e o control e seguimento destes en todas as unidades de contratación de servizos centrais e centros do organismo autónomo.
  • e) O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de contratación para o seu uso xeral e compartido por todos os centros do Servizo Galego de Saúde.
  • f) O impulso dos procedementos administrativos necesarios en materia de contratación, para a mellora na eficiencia e eficacia das adquisicións centralizadas.
  • g) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

  • Servizo de Aprovisionamento (Funcións):

  • a) A coordinación da xestión de aprovisionamentos dos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos do Servizo Galego de Saúde ou adscritos a este.
  • b) O apoio administrativo á Comisión Técnica de Aprovisionamento do organismo autónomo.
  • c) A coordinación dos procedementos de compras agregadas dos centros do Servizo Galego de Saúde, propoñendo e preparando os informes e pregos de especificacións técnicas que permitan a adquisición centralizada de produtos para estes.
  • d) A elaboración, a implantación e o mantemento dun catálogo, con codificación única para a xestión do aprovisionamento nos centros dependentes.
  • e) A proposta, logo de elaboración das comisións técnicas, das oportunas instrucións sobre homologación de produtos de uso xeral, estea ou non centralizada a súa adquisición, así coma dos provedores.
  • f) O seguimento das compras, consumos e existencias, custos e calidade dos produtos dos centros do Servizo Galego de Saúde.
  • g) A realización, de forma sistemática, de estudos de mercado e comparativos de produtos, prezos e provedores, cuxos resultados se darán a coñecer en todo o ámbito do organismo autónomo.
  • h) O impulso dos sistemas de información no ámbito das compras centralizadas.
  • i) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

  • Servizo de Coordinación de Servizos Xerais (Funcións):

  • a) A coordinación da xestión dos servizos de mantemento, hostaleiros e loxísticos, en xeral, dos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos do Servizo Galego de Saúde ou adscritos a este.
  • b) O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de servizos xerais para o seu uso xeral e compartido por todos os centros.
  • c) A coordinación dos procedementos de compras agregadas dos centros do Servizo Galego de Saúde, propoñendo e preparando os informes e pregos de especificacións técnicas que poidan permitir a adquisición centralizada de servizos xerais para os centros do Servizo Galego de Saúde.
  • d) A realización de estudos de mercado e comparativos de servizos, prezos e provedores, para o seu traslado aos centros do Servizo Galego de Saúde.
  • e) O seguimento das compras, custos e calidade dos servizos xerais dos centros.
  • f) O impulso de solucións centralizadas no ámbito loxístico, hostaleiro e doutros servizos, como resposta a unha mellora na calidade e na eficiencia dos diferentes servizos.
  • g) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.