Programa "Apuntámonos a non beber"

Programa "Apuntámonos a non beber"

 

 

 

 

 

 

Portada ANB_limpio.png 
 
 

 

 
​

PRESENTACIÓN DO PROGRAMA:

"Apuntámonos a non beber" é un programa de prevención do consumo do alcohol e das bebidas enerxéticas dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 11 e 14 anos, idades nas que se observan os primeiros contactos con estas bebidas. Concretamente, está enfocado ao alumnado de 6º de Educación primaria obrigatoria (EPA) e de 1º e 2º de ESO.


OBXECTIVOS DO PROGRAMA:

Os obxectivos do programa son:

  1. Previr o consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas en menores de idade, atrasar a idade do seu comenzo e, no caso de que xa se iniciase o consumo, desenvolver habilidades sociais e estratexias de socialización e de asertividade en ámbitos libres de consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas, así como potenciar as habilidades para saber dicir NON ante as presións grupais.

  2. Coñecer a relación entre o consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas, a saúde e os riscos de exclusión social (dependencia, adicción) para desnormalizar a conduta de consumir estas bebidas na mocidade.

  3. Dotar ao alumnado de ferramentas para analizar con espírito crítico a publicidade e dar pautas para deseñar unha campaña de prevención do consumo de bebidas alcohólicas e/ou enerxéticas.

METODOLOXÍA E ACTIVIDADES:

O programa consiste en desenvolver un proxecto relacionado coa prevención do consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas en persoas menores de idade. Os centros escolares  promoverán que cada aula participante elabore un traballo en equipo no que terán que entregar unha campaña de contrapublicidade do consumo de bebidas alcohólicas e/ou enerxéticas ou de fomento do non consumo, en calquera soporte gráfico ou audiovisual. O persoal docente deberá participar no antedito programa asumindo o seu compromiso e implicación no seu desenvolvemento e na participación nas intervencións presenciais que se leven a cabo co alumnado e as familias.

O programa está deseñado para traballar na aula como un proxecto interdisciplinar e como tema transversal no Proxecto Educativo do Centro, integrado no espazo de Educación para a saúde durante todo o curso escolar. As actividades están distribuídas en dúas intervencións (1ª de novembro a xaneiro, 2ª de febreiro a maio) e serán implementadas polo persoal técnico do programa dos departamentos territoriais da Consellería de Sanidade:

- Primeira intervención (entre os meses de novembro e xaneiro) para o ALUMNADO de 50 minutos de duración (unha hora lectiva) por parte da persoa do Departamento Territorial de Sanidade responsable do programa. Nela exponse en que consiste o programa e ofrécese información sobre as bebidas alcohólicas e enerxéticas e as súas implicacións para a saúde. 

Ademais, ofréceselle ás familias un folleto con infografía, alertando dos riscos do consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas, e unha enquisa sobre hábitos de consumo destas bebidas no ámbito familiar, que estará dispoñible en versión dixital na páxina web da Consellería de Sanidade, para facilitar a súa cobertura. Nesta enquisa indagarase tamén sobre o interese en participar nunha charla-coloquio para as familias sobre os riscos do consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas e as ferramentas para abordar situacións cotiás e previr estes consumos na mocidade. No caso de existir familias interesadas, realizarase esa intervención antes do 31 de xaneiro. O profesorado do centro responsable do desenvolvemento do programa deberá estar presente no momento das intervencións.

- Unha segunda intervención (entre febreiro e maio) para o ALUMNADO de 50 minutos de duración (unha hora lectiva) por parte da persoa do Departamento Territorial de Sanidade responsable do programa. Nesta intervención facilitarase información sobre a lexislación actual en relación ao consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas e ofreceranse ferramentas para analizar con espírito crítico a publicidade destas bebidas. Daranse tamén pautas para que o alumnado poida deseñar unha campaña de prevención do consumo destas bebidas en calquera soporte audiovisual, para que a aula traballe nun proxecto común elaborando unha CAMPAÑA DE CONTRAPUBLICIDADE sobre un anuncio de bebidas alcohólicas e/ou enerxéticas ou que fomente o non consumo destas bebidas na mocidade. O formato da campaña poderá ser gráfico ou audiovisual: slogan nun cartel publicitario, canción, representación teatral (máximo 3 minutos), páxina web, etc. A campaña deberá estar dirixida á mocidade, cunha mensaxe positiva, clara e orixinal, aportando unha visión crítica da publicidade. O profesorado do centro responsable do desenvolvemento do programa deberá estar presente no momento das intervencións.

Ademais, o alumnado cumplimentará un cuestionario inicial ao comezo do programa e outro á súa finalización. Por outra parte, o profesorado cumplimentará un cuestionario ao final do mesmo para poder efectuar unha avaliación global deste programa á súa finalización.

TRABALLO FINAL:

Cada aula participante deberá entregar unha campaña de contrapublicidade do consumo de bebidas alcohólicas e/ou enerxéticas ou de fomento do non consumo destas bebidas.

Entregarase UN SÓ TRABALLO POR AULA PARTICIPANTE. A súa entrega terá como data límite o 15 de maio de 2027. Os orixinais destes traballos quedarán en poder do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas da Consellería de Sanidade e poderán ser utilizados na elaboración de materiais educativos ou divulgativos.

Haberá un premio para os 3 mellores proxectos de campañas de contrapublicidade e/ou de fomento de non consumo realizadas por cada aula. O premio gozarao toda a aula gañadora. A persoas técnicas responsables do programa informarán ao centro directivo cales son as aulas gañadoras do premio. Os centros gañadores quedarán recollidos na páxina web da Consellería de Sanidade.

Existen dúas modalidades de participación

- INSCRICIÓN VÍA WEB DA DIRECCIÓN XERAL DE SAÚDE PÚBLICA

Enlace á folla de inscrición

- INSCRICIÓN VÍA PROXECTA/SINERXÍA