Introdución

Introdución

Introducción 
A sepse prodúcese por unha resposta inadecuada do organismo a unha infección que causa fallo de órganos con compromiso vital 1.
 
Demostrouse unha incidencia de sepse de 104 casos por cada 100000 habitantes e ano e de 31 casos de choque séptico por cada 100000 habitantes e ano 2. A mortalidade da sepse depende da gravidade, situándose arredor do 30 % nas sepses ingresadas nas unidades de coidados intensivos e ata o 50 % en caso de choque séptico 3-6.
 
Estímase que en España falecen cada ano 17 000 persoas por sepse, máis que por cancro de mama, colon ou páncreas e 14 veces máis que as que morren por accidentes de tráfico. 3-6
 
Igual que o infarto de miocardio ou o ictus, a sepse é unha patoloxía tempo dependente. A rapidez na aplicación do tratamento é fundamental. Cada hora de atraso na administración dunha terapia axeitada aumenta un 8 % a probabilidade de falecer 7. Demorar 6 horas a administración dun antibiótico aumenta un 50 % a mortalidade 6.
 
Co obxectivo de mellorar o tratamento da sepse para reducir a mortalidade, varias sociedades científicas internacionais puxeron en marcha a principios deste século a campaña “Sobrevivir á sepse”. Nunha das súas primeiras actividades, no ano 2002, no transcurso do XV Congreso Anual de la Sociedad Europea de Medicina Intensiva, a European Society of Intensive Care Medicine, a Society of Critical Care Medicine e o International Sepsis Forum asinaron a que se denominou “Declaración de Barcelona”. Nesta declaración recoñécese a necesidade de pór en marcha medidas para reducir a mortalidade da sepse e marcaron como obxectivo unha redución do 25 % nos seguintes 5 anos.
 
En España, no ano 2012, 14 sociedades científicas, co impulso da Sociedad Española de Medicina Intensiva y Unidades Coronarias (SEMICYUC), asinaron a denominada “Declaración Mallorca 2012. Manifiesto sobre el código sepsis”, na cal literalmente se expón que “as sociedades asinantes deste documento consideran que é competencia das autoridades sanitarias a implantación e difusión do código sepse e manifestan a súa vontade de colaborar na elaboración dos contidos do código, na formación do persoal sanitario e no control da súa aplicación nos diversos escenarios sanitarios. A existencia dun código sepse significará unha melloría na asistencia dos nosos pacientes, que é o principal obxectivo de todos os profesionais comprometidos na súa atención”. Da inquietude de diferentes profesionais médicos e de enfermaría de todas estas sociedades nace o primeiro “Documento de consenso del proyecto código sepsis”, que inclúe recomendacións para o diagnóstico e o manexo da sepse e que se publica no ano 2016.​
 
A Estratexia de Seguridade do Paciente do Sistema Nacional de Saúde para o período 2015-2020, desenvolvida polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade en colaboración coas comunidades autónomas, inclúe dentro da liña estratéxica 2, referida ás prácticas clínicas seguras, favorecer estratexias multidisciplinarias para a identificación e o tratamento temperán da sepse. Dentro das recomendacións inclúe pór en marcha accións específicas para a detección e o tratamento precoz de pacientes con sepse/sepse grave e choque séptico tendo en conta a participación multidisciplinaria.
 
Con toda a evidencia acumulada, ponse en marcha o Plan para a atención á sepse (código sepse) en Galicia. Este programa está baseado na evidencia científica, co convencemento da necesidade de concienciar sobre a importancia da sepse, asegurar unha abordaxe coordinada multidisciplinaria que identifique de xeito precoz o enfermo séptico en todos os ámbitos asistenciais e garantir a implantación de maneira inmediata de todas as medidas que demostraron reducir a mortalidade da sepse.
 
A implantación deste plan no ámbito da nosa comunidade autónoma permitirá unha atención de calidade, homoxénea e coa maior capacidade de resolución posible, así como baseada na coordinación dos profesionais implicados na atención da sepse. O obxectivo final enmárcase dentro da atención precoz dos pacientes afectados de sepse con independencia do seu lugar de residencia, centro sanitario a onde acuda ou planta de hospitalización onde estea ingresado.
 
Un elemento fundamental para o éxito do código sepse é desenvolver todas as medidas necesarias para a súa correcta implantación, como a formación continuada dos profesionais, a constitución de equipos de sepse nos centros sanitarios ou a detección de áreas de mellora a través da avaliación dos resultados obtidos tras a súa implantación.
 
O Servizo Galego de Saúde conta cos recursos necesarios para a atención á sepse e este plan ponse en marcha para optimizar a súa abordaxe.