Implantación e seguimento do código sepse

Implantación e seguimento do código sepse

Implantación y Seguimiento 
A implantación do código sepse e o posterior seguimento do programa fai necesario constituír un equipo código sepse en cada centro hospitalario que require da implicación e apoio da Dirección para garantir o desenvolvemento e mantemento das súas actividades.
 
Recoméndase que o equipo código sepse teña un carácter multidisciplinario e aberto e estea composto por, polo menos, un médico intensivista, un anestesista, un médico do Servizo de Urxencias, un internista con experiencia en enfermidades infecciosas e un profesional de enfermería de Urxencias, aínda que esta composición se podería beneficiar da incorporación doutros profesionais (microbiólogos, farmacéuticos, etc.) e deberase adaptar ás particularidades de cada centro hospitalario.
 
Así mesmo, é conveniente a existencia da figura dun coordinador dentro do equipo que impulse o seu funcionamento e contribúa á organización das actividades de implantación e seguimento, así como á difusión da información á Comisión de Infeccións e Política de Antibióticos do centro hospitalario (da que deberá formar parte) e á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
 
As funcións do equipo código sepse serán as seguintes:
  • Implantar o código sepse tendo en conta as particularidades dos dispositivos asistenciais que integran a área sanitaria.
  • Difundir o código sepse entre a profesionais da área sanitaria.
  • Colaborar no deseño de contidos, docencia e difusión das actividades formativas promovidas desde a Dirección xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
  • Valorar a necesidade de realizar sesións clínicas e actividades docentes periódicas sobre manexo e detección do paciente con sepse en determinados servizos tanto de atención hospitalaria como de atención primaria.
  • Garantir que se cobre correctamente o rexistro do código sepse.
  • Monitorar os indicadores establecidos no protocolo.
  • Trasladar os resultados obtidos na avaliación do seguimento do protocolo á Dirección do centro, así como á Dirección xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
  • Detectar áreas de mellora e propor as medidas correctoras oportunas en relación co funcionamento e cumprimento do protocolo.
 
Para levar a cabo as súas funcións, recoméndase que o equipo código sepse estableza reunións con carácter mensual durante a fase de implantación, co obxectivo de garantir a súa consecución. Posteriormente, recoméndase a realización de reunións trimestrais para valorar o seguimento do protocolo, propor áreas de mellora para o seu correcto desenvolvemento, analizar o cumprimento dos indicadores, revisar o programa formativo e valorar a necesidade de realizar novas actividades para o mantemento do programa.
 
Os profesionais integrantes do equipo código sepse e o coordinador do mesmo serán designados pola Dirección xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.