Este próximo luns 23 de setembro comezan as campañas de vacinación e inmunización fronte aos virus respiratorios: gripe, COVID-19 e virus respiratorio sincitial (VRS).
No caso da vacinación fronte á gripe, realizada conxuntamente coa da COVID-19, a campaña levarase a cabo de forma secuencial en diferentes puntos de vacinación e con citación proactiva mediante SMS a diferentes grupos de idade. Comezarase polas persoas institucionalizadas, que serán vacinadas por equipos específicos na súa institución. Posteriormente, vacinaranse ás persoas inmobilizadas (e coidadoras), inmunodeprimidas e de 80 ou máis anos nos seus centros de referencia (primaria ou hospitais públicos). Por último, vacinaranse ás persoas menores de 80 anos: embarazadas, grupos de risco e resto de poboación diana en grandes recintos e grandes dependentes nos hospitais públicos. Como novidade, introdúcese a vacina intranasal de virus vivos atenuados para menores de entre 24 e 59 meses. Así mesmo, temos o reto de superar o 75% de cobertura nos traballadores sanitarios e sociosanitarios xa que, durante a campaña pasada, chegamos ao 56,9%. Para mellorar esta cifra, e con ela a protección dun colectivo esencial e con tanto contacto con poboacións vulnerables a estes virus, os profesionais poderán vacinarse no seu centro de traballo (hospital ou centro de saúde) a partir do 14 de outubro.
No caso da inmunización fronte ao VRS, o ano pasado introduciuse a administración do anticorpo monoclonal nirsevimab nos mais cativos, xa que o VRS é a principal causa de hospitalización por infección respiratoria en menores dun ano [1]. Nesta primeira campaña, acadáronse coberturas superiores ao 90%, cunha efectividade do 82,0% (IC95% 65,6–90,2) fronte aos ingresos hospitalarios por VRS e unha redución nas hospitalizacións relacionadas co VRS do 89,8% [2]. Este 2024, a sistemática de inmunización mantense similar á pasada campaña, inmunizando aos neonatos no hospital antes da alta, e ás nenas e nenos menores de 6 meses e pertencentes a grupos de risco mediante unha captación activa por SMS a partir do 30 de setembro no seu hospital público de referencia.