INMUNIZACIÓN FRONTE AOS VIRUS RESPIRATORIOS E OUTRAS NOVIDADES NA VACINACION
Este próximo luns 23 de setembro comezan as campañas de vacinación e inmunización fronte aos virus respiratorios: gripe, COVID-19 e virus respiratorio sincitial (VRS).
No caso da vacinación fronte á gripe, realizada conxuntamente coa da COVID-19, a campaña levarase a cabo de forma secuencial en diferentes puntos de vacinación e con citación proactiva mediante SMS a diferentes grupos de idade. Comezarase polas persoas institucionalizadas, que serán vacinadas por equipos específicos na súa institución. Posteriormente, vacinaranse ás persoas inmobilizadas (e coidadoras), inmunodeprimidas e de 80 ou máis anos nos seus centros de referencia (primaria ou hospitais públicos). Por último, vacinaranse ás persoas menores de 80 anos: embarazadas, grupos de risco e resto de poboación diana en grandes recintos e grandes dependentes nos hospitais públicos. Como novidade, introdúcese a vacina intranasal de virus vivos atenuados para menores de entre 24 e 59 meses. Así mesmo, temos o reto de superar o 75% de cobertura nos traballadores sanitarios e sociosanitarios xa que, durante a campaña pasada, chegamos ao 56,9%. Para mellorar esta cifra, e con ela a protección dun colectivo esencial e con tanto contacto con poboacións vulnerables a estes virus, os profesionais poderán vacinarse no seu centro de traballo (hospital ou centro de saúde) a partir do 14 de outubro.
No caso da inmunización fronte ao VRS, o ano pasado introduciuse a administración do anticorpo monoclonal nirsevimab nos mais cativos, xa que o VRS é a principal causa de hospitalización por infección respiratoria en menores dun ano [1]. Nesta primeira campaña, acadáronse coberturas superiores ao 90%, cunha efectividade do 82,0% (IC95% 65,6–90,2) fronte aos ingresos hospitalarios por VRS e unha redución nas hospitalizacións relacionadas co VRS do 89,8% [2]. Este 2024, a sistemática de inmunización mantense similar á pasada campaña, inmunizando aos neonatos no hospital antes da alta, e ás nenas e nenos menores de 6 meses e pertencentes a grupos de risco mediante unha captación activa por SMS a partir do 30 de setembro no seu hospital público de referencia.
O HERPES ZÓSTER EN GALICIA: EVOLUCIÓN E PREVENCIÓN DE NOVOS CASOS
O herpes zóster (HZ) é unha enfermidade causada pola reactivación do virus varicela zóster (VVZ), o cal permanece en estado de latencia acantonado nas neuronas dos ganglios sensitivos das raíces dorsais da medula espiñal ou nos ganglios dos pares craniais tras a infección primaria (a varicela). Esta patoloxía supón unha carga de enfermidade significativa, xa que máis do 90% da poboación mundial ten o virus latente e en máis do 50% reactivarase aos 85 anos [1]. Pola intensa asociación coa idade, espérase que a taxa de incidencia de HZ e a súa complicación máis frecuente, a neuralxia postherpética, aumenten a nivel mundial debido á maior esperanza de vida [2].
Como se comentaba no estudo sobre o HZ publicado no Boletín Epidemiolóxico de Galicia en abril deste ano, en Galicia xa se está a observar unha lixeira tendencia ascendente na taxa de incidencia do HZ (máis acusada en mulleres e en persoas maiores de 50 anos) que só se interrompeu en 2020 e 2021 coincidindo coa pandemia. Así, o ano 2022 foi o que presentou a maior taxa de incidencia dende que comezou a vixilancia dos episodios por HZ no 2012, chegando a 391 consultas por 105 habitantes. A mesma tendencia obsérvase no relativo á taxa de ingresos por HZ, que no 2022 foi un 72% superior á taxa do 2012 chegando a 5,5 ingresos por 105 habitantes. Neste período analizado, entre o 2012 e o 2022, os ingresos corresponden principalmente a persoas de 60 ou máis anos (73%), sendo a maior taxa de ingresos no grupo de 80 ou máis anos con 15,8 ingresos por 105 habitantes [Apéndice].
Ante esta crecente evolución dos casos de HZ, a Dirección Xeral de Saúde Pública incluíu, a maiores das persoas que presentan condicións de risco, a vacinación sistemática fronte ao HZ para as persoas segundo vaian cumprindo 65 e 80 anos. Esta vacina consiste en 2 doses separadas 2 meses, sendo ben tolerada e con mais dun 90% de efectividade. Non obstante, ata o pasado mes de agosto a cobertura vacinal en persoas nadas en 1958 foi tan só do 28,8% e, no caso das persoas nadas en 1943 aínda foi menor, cunha cobertura do 22,8%. Estas cifras mostran a necesidade de seguir recomendando activamente a vacinación desta poboación, independentemente de que padeceran anteriormente un HZ.
O HERPES ZÓSTER EN GALICIA: EVOLUCIÓN E PREVENCIÓN DE NOVOS CASOS
SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA DA MPOX EN GALICIA
Para estar ao día das novidades de relevancia en relación coa mpox, podes consultar o apartado específico na páxina web da DXSP.