Número 5: Enfermidade de Lyme - Programa galego para a detección precoz de enfermidades no período neonatal

Número 5: Enfermidade de Lyme - Programa galego para a detección precoz de enfermidades no período neonatal

VENRES EPIDEMIOLÓXICO_17-05.png

 ENFERMIDADE DE LYME


A enfermidade de Lyme (EL) é unha enfermidade zoonótica causada por bacterias do complexo Borrelia burgdorferi sensu lato (Bb) que se transmite a humanos e animais a través da picadura de carrachas duras infectadas do xénero Ixodes. Estas carrachas teñen como principais hospedadores a pequenos mamíferos, aves, corzos e xabarís e atópanse amplamente distribuídas po​​r Galicia [Apéndice], datos que coñecemos grazas á Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) e á colaboración desinteresada dos centros de saúde reemisores das carrachas.

En canto á enfermidade, o Boletín Epidemiolóxico de Galicia indica que a EL está crecendo exponencialmente nos últimos anos, sendo máis frecuente en homes. A súa distribución xeográfica é heteroxénea, coas incidencias máis elevadas na provincia de Lugo, especialmente na Fonsagrada [Apéndice].

A súa manifestación clínica máis característica é o eritema migráns (mácula que se expande lentamente formando unha lesión anular cun borde exterior de cor vermella brillante e un claro central). Se non se trata, este eritema pode evolucionar a unha infección diseminada ou incluso derivar nunha infección tardía. Esta forma tardía, coñecida como neuroborreliose, é unha enfermidade de declaración obrigatoria en Galicia e na Unión Europea dende o 2018.

Para o diagnóstico, acostuma a utilizarse o criterio clínico e a confirmación serolóxica no caso de non estar presente o eritema migrans, manifestación clínica inequívoca da EL. Como as técnicas serolóxicas son pouco específicas e hai risco de reaccións cruzadas, recoméndase realizar unha segunda proba máis específica (western blot o inmunoblot) cando exista un resultado positivo ou dubidoso na seroloxía. Así mesmo, é importante recordar que existe un período xanela seronegativo ao inicio da infección.

O tratamento antibiótico dependerá do estadio da enfermidade, da idade ou da presenza de alerxias ou embarazo, sendo o tratamento máis habitual a doxiciclina oral durante 10 días laboratorio [1].

Para evitar a EL, resultan fundamentais as medidas de prevención contra picaduras e saber retirar a carracha de forma adecuada en caso de ser picados. Así mesmo, é clave instruír ás persoas sobre a necesidade de observar o lugar da picadura durante 6 semanas e coñecer os posibles signos e síntomas máis importantes. No caso de que a carracha estivese ingurxitada ou fose manipulada, debe administrarse profilaxe antibiótica cunha única dose de doxiciclina oral dentro das 72 horas posteriores á retirada da carracha (adultos: 200 mg, nenos ≥8 anos: 4,4mg/Kg) [1].


PROGRAMA GALEGO PARA A DETECCIÓN PRECOZ DE ENFERMIDADES EN NEONATOS​

 

O cribado neonatal é unha ferramenta esencial de prevención secundaria no ámbito da Saúde Pública. Por isto, o obxectivo xeral do Programa galego para a detección precoz de enfermidades xenéticas, endócrinas e metabólicas no período neonatal é identificar estas enfermidades que afectan á saúde ou supervivencia a longo prazo, permitindo previr a morte ou a discapacidade que ocasionan grazas á súa detección, diagnóstico e tratamento temperáns.

En maio de 2023 incorporáronse á carteira do programa 3 novas enfermidades (Atrofia Medular Espiñal, Inmunodeficiencia Combinada Grave e Hiperplasia Suprarrenal Conxénita) compoñéndose actualmente dun panel principal de 34 enfermidades e outro de 14 enfermidades secundarias. Neste 2024, prevese a incorporación doutras 3 patoloxías: Adrenoleucodistrofia ligada a X, Mucopolisacaridosis Tipo I e Enfermidade de almacenamento de glicóxeno tipo II (Pompe).

Para detectar estas enfermidades, o cribado baséase na recollida dunha mostra de sangue e outra mostra de ouriños nas primeiras 24-72h de vida do neonato, antes da alta hospitalaria, supoñendo case medio millón de bebés cribados en Galicia ata o ano 2023 [Apéndice].

As/os profesionais da atención primaria (AP), tanto pediatría coma enfermería, están nunha posición privilexiada para asesorar e apoiar aos proxenitores, fomentar o cribado neonatal e levar a cabo o seguimento posterior dos bebés con posibles trastornos endócrinos e metabólicos. Para iso, deben comprobar que o resultado da proba de cribado estea rexistrado en IANUS e conste na cartilla de saúde infantil ou no informe de alta. Ademais, deben colaborar informando ás persoas responsables do menor para que acudan á consulta específica se o resultado así o indica.

Así mesmo, a colaboración de AP resulta fundamental para a recollida adecuada da mostra en caso de incidencia, ben porque as mostras non resultan válidas (mala recollida, contaminación etc.), son dubidosas, porque existan circunstancias especiais que recomendan pospoñer 2 semanas a mostra (prematuridade con peso <2.500 gramos, enfermos críticos ou xemelgos monocigóticos) ou porque non se chegou a realizar o cribado.


Image_003.png


 ENFERMIDADE DE LYME


Captura de pantalla 2024-05-15 125017.png
Captura de pantalla 2024-05-15 125057.png

PROGRAMA GALEGO PARA A DETECCIÓN PRECOZ DE ENFERMIDADES EN NEONATOS​

Captura de pantalla 2024-05-15 125553.png
1. Pie de página_V1.png

 ​