En Galicia, a incidencia de casos de tose ferina foi descendendo desde o ano 2017 (figura 1), probablemente en relación coas ondas epidémicas comentadas, a vacinación das embarazadas e o rescate dos nenos que non se puideron vacinar aos 6 anos polos problemas de subministro da vacina. Durante a pandemia da COVID-19 a notificación, como era de esperar, viuse afectada polo descenso na transmisión da enfermidade. Ao longo do ano 2023, non se observa un aumento ata a cuatrisemana 13 (04/12-31/12/2023), que se viu acelerado na primeira cuatrisemana deste ano (01/01-28/01/2024) na cal se declararon 17 casos, 7 dos cales pertencentes a un abrocho dunha escola da provincia da Coruña.
Ademais do aumento da incidencia, chama a atención o cambio na distribución por idade dos casos (figura 2). No ano 2017 e anteriores, o maior número de casos adoitaba encontrarse en menores de 1 ano. Nos anos 2018 e 2019, os casos neste grupo foron diminuíndo e aumentaron en adultos maiores de 30 anos. Pola contra, nestas primeiras catro semanas do ano 2014 os grupos con maior número de afectados son os de 5 a 14 anos, en idade de escolarización.
REXISTRO GALEGO DE TUMORES (REGAT): INFORME 2022
REGAT captura automaticamente datos do Servizo Galego de Saúde (Anatomía Patolóxica e Conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos), de Tarxeta Sanitaria e do Rexistro de mortalidade de Galicia. Na actualidade está en proceso a integración de datos de farmacia hospitalaria e comunitaria, así coma a dos programas poboacionais de cribado (mama, colorrectal e cérvix).