Piloto de cribado cancro de pulmon

Piloto de cribado cancro de pulmon



A súa participación é totalmente voluntaria. Pode decidir non participar ou, se acepta, cambiar de opinión retirándose ou dando o seu consentimento en calquera momento sen dar ningunha explicación.

• Por que se lle convidou a participar neste estudo? 
O seu médico/a considera que podería beneficiarse deste programa piloto de cancro de pulmón, xa que ten un risco máis elevado que a media da poboación xeral de presentar esta enfermidade e cumpre cos criterios de inclusión no mesmo: 
  • Ter entre os 55 e 74 anos de idade con antecedentes de tabaquismo (>30 paquetes/ano), que fuma actualmente ou deixou de fumar nos últimos 10 anos.
Estudos publicados previamente indicaron que a detección precoz da enfermidade pode ser beneficiosa no caso de que estea presente, reducindo a mortalidade fronte a non facer nada. 

• Antecedentes do cancro de pulmón 
O cancro de pulmón é a principal causa de morte por cancro en todo o mundo. En España estímase que se diagnosticarán 32.115 novos casos de cancro de pulmón en 2025. Nas mulleres, a incidencia de cancro de pulmón entre 2002 e 2020 duplicouse e tamén se duplicou a mortalidade, que pasou de 10,6 defuncións anuais por cada 100.000 mulleres en 2002 a 19,8 defuncións en 2020, sendo xa o terceiro tumor máis mortal. En Galicia, o cancro de pulmón segue a mesma tendencia en incidencia que en España, pero ocupa xa o 2º posto en mortalidade en mulleres e o 1º en homes (1-3). A pesar da súa incidencia, a maioría destes cancros diagnostícanse nun estado avanzado debido á ausencia de síntomas en etapas temperás. O diagnóstico e o tratamento nas fases iniciais da enfermidade poden ofrecer aos pacientes unha mellor oportunidade de curación.

Que é o programa piloto de cribado de cancro de pulmón? 
A Consellería de Sanidade iniciou un programa piloto de detección precoz do cancro de pulmón para avaliar a viabilidade deste cribado en Galicia. Os programas de detección precoz de cancro de pulmón poden reducir a mortalidade por este cancro (aproximadamente un 20%) pois se detectan cancros en estadios temperáns que permiten tratamentos con maiores taxas de curación, aínda que a principal medida preventiva para reducir o cancro de pulmón segue sendo abandonar o tabaco. Por este motivo, o seu médico/a ofreceralle a inclusión nun programa de cesamento tabáquico e ofreceralle seguimento e apoio experto durante todo o proceso. 

En que consiste a súa participación? 
A súa participación consiste na realización dunha tomografía computerizada (TC) de baixa dose sen contraste como proba de cribado. No caso de detectarse un ou varios nódulos pulmonares, é probable que se indique a realización de probas adicionais de acordo aos protocolos clínicos do SERGAS. A maioría dos núdulos pulmonares detectados por TC necesitan control radiolóxico a intervalos concretos establecidos por un protocolo baseado na mellor evidencia científica. Nalgúns casos, indícase a realización de probas complementarias, incluíndo estudos de imaxe metabólicos como a PET-TC, ou unha biopsia pulmonar. A cirurxía resérvase para casos con alta sospeita de malignidade.
 
Cal é a proba de cribado? 
A proba de cribado é unha tomografía computerizada (TC) de baixa dose. 

Que efectos adversos ten participar neste Programa?
Estímase que o risco relacionado coa radiación recibida é moi baixo. Cada TC de baixa dose supón unha dose dose efectiva de 1-1,5 mSv (ou menos). Para a súa información, a dose de radiación ambiental recibida ao longo dun ano en España aproxímase aos 3 mSv. Ademais, existe a posibilidade de sufrir preocupación ou ansiedade como consecuencia da identificación de nódulos pulmonares sospeitosos ou outras patoloxías asociadas ao tabaquismo como a arterioesclerose coronaria, a fibrose pulmonar, o enfisema, ou a EPOC entre outras. Ao tratarse de patoloxías relevantes, poden requirir un seguimento por parte do seu médico/a de acordo aos protocolos do SERGAS. En todo caso, é importante reiterar que a inmensa maioría de posibles nódulos pulmonares detectados tan só precisan seguimento radiolóxico, e que a adherencia ao protocolo reduce ao máximo as intervencións invasivas. Tamén hai que lembrar que o feito de que un nódulo sexa benigno non é de seu xustificación suficiente para non facer nada, xa que pode tratarse dunha patoloxía relevante e mesmo merecedora por si soa dalgunha intervención diagnóstica invasiva.
 
• Cales son as vantaxes de participar? 
Facerse un TC de baixa dose pode axudar a detectar, tratar precozmente o cancro de pulmón e aumentar a probabilidade de curación. Se ten cancro, participar no cribado pode axudar a detectalo e tratalo nunha fase temperá. 
Ao realizar unha TC da zona do tórax, o radiólogo/a pode ver outras partes desta rexión do corpo E SE HAI OUTROS ACHADOS SIGNIFICATIVOS, INCLUIRANSE NO INFORME e FACILITARÁSESELLE esta información que poderá consultar co seu médico/a de cabeceira. 
Tamén contribuirá a xerar máis coñecementos sobre o cancro de pulmón, o que redundará en beneficio da sociedade e doutras persoas como vostede. 

•Que ocorre se non quero participar ou nalgún momento do proceso cambio de opinión?
A participación neste programa é voluntaria e non afectará á atención que recibe normalmente por parte do SERGAS. Igualmente, se acepta participar pero cambia de opinión, en calquera momento pode abandonar o programa.​ 

BIBLIOGRAFÍA 
(1) Global Cancer Observatory (iarc.fr) . Visit 10/10/23. 
(2) Red española de registros de cancer. Visit 11/10/23 Publicaciones | Redecan 
(3) Rexistro Galego de Tumores. Informe 2021_REGAT.pdf (sergas.es)​. Visit 16/10/23
​​​