O Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades (CEGACE)

O Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades (CEGACE)

O CENTRO GALEGO PARA O CONTROL E PREVENCIÓN DAS ENFERMIDADES (CEGACE)

 

Créase, con nivel orgánico de subdirección xeral, adscrito a esta consellería a través da dirección xeral de saúde pública, o Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades, como órgano técnico especializado responsable do asesoramento e coordinación das estruturas e políticas de saúde pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento das previsións contidas nos artigos 49, 77 e 107 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e no artigo 23 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública. Sen prexuízo de tal adscrición, operará como estrutura de xestión compartida entre a consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

 

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

 

a) A identificación de problemas de saúde, a avaliación dos riscos asociados aos ditos problemas, así como a difusión da información e recomendacións derivadas desta avaliación.

b) A vixilancia epidemiolóxica e o control das enfermidades na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A xestión de eventos de interese epidemiolóxico de especial relevancia para a saúde pública.

d) A aplicación das directrices da dirección xeral competente en materia de planificación, coordinación e avaliación das actuacións de prevención e control das enfermidades e as resistencias a antibimicrobianos, así como a detección precoz de enfermidades.

e) A colaboración no mantemento do Observatorio de Saúde Pública de Galicia no ámbito da vixilancia epidemiolóxica e da prevención e control das enfermidades.

f) O desenvolvemento, en colaboración cos órganos que xestionan as actividades desenvolvidas pola Escola Galega de Saúde Pública, de estudos de investigación e de actividades de formación no ámbito da epidemioloxía e da prevención das enfermidades transmisibles.

g) O impulso da innovación no eido da vixilancia epidemiolóxica, detección precoz e o control das enfermidades.

h) A interlocución e coordinación a nivel nacional cos organismos competentes no ámbito da vixilancia epidemiolóxica, a detección precoz e control das enfermidades.

i) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

 

Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

 

Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica

Funcións:

a) A xestión da Rede galega de vixilancia en saúde pública, que englobará as enfermidades de declaración obrigatoria e outras enfermidades transmisibles e non transmisibles de especial relevancia, do Rexistro Galego de Tumores (Regat) e do Rexistro de Interrupcións Voluntarias do Embarazo.

b) A vixilancia dos factores de risco condutuais relacionados coa saúde, co obxecto de informar dos resultados e avaliar intervencións para o control dos problemas de saúde con que se relacionan eses factores.

c) A vixilancia da mortalidade e das súas causas.

d) A vixilancia das enfermidades transmitidas por vectores, en coordinación coa Rede galega de vixilancia de vectores (Regavivec).

e) A creación, desenvolvemento e mantemento da Rede galega de microbioloxía en saúde pública. 

f) A participación e coordinación do sistema de alerta precoz e resposta rápida ante eventos de interese epidemiolóxico de especial relevancia para a saúde pública, incluída a xestión do Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia.

g) O desenvolvemento, no ámbito das súas competencias, das actuacións necesarias orientadas ao control das resistencias a antimicrobianos en Galicia, incluíndo a coordinación do Plan galego de control das resistencias en colaboración coas distintas unidades implicadas na comunidade autónoma, co fin de implementar con eficacia en Galicia o plan nacional.

h) A planificación, seguimento e avaliación da estratexia sobre a secuenciación completa de virus e bacterias de interese para saúde pública, de cara a incorporala na vixilancia de certas enfermidades e para o control de abrochos.

i) O asesoramento e a promoción da formación en materia de método epidemiolóxico.

j) A colaboración, asesoría, coordinación e participación na investigación no ámbito da vixilancia epidemiolóxica.

k) A interlocución a nivel nacional cos organismos competentes no ámbito da vixilancia epidemiolóxica e control das enfermidades.

l) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

 

 

Servizo de Prevención e Control de Enfermidades. 

Funcións:

a) A planificación, coordinación, xestión e avaliación das actividades dos programas galegos de inmunizacións.

b) A planificación, coordinación, xestión e avaliación das actividades dos distintos programas para a prevención e control de enfermidades.

c) A difusión dos resultados dos programas de prevención de enfermidades.

d) A sensibilización da cidadanía sobre a importancia da prevención das enfermidades incluídas nos diferentes programas e o establecemento de actuacións de información e educación sanitaria dirixidas á cidadanía nestas materias.

e) A promoción e a colaboración na formación do persoal que desenvolven os diferentes programas sobre inmunización e control de enfermidades.

f) O fomento da investigación no ámbito da vacinación e o control das enfermidades.

g) A interlocución a nivel nacional cos organismos competentes no ámbito das vacinas.

h) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

Servizo de Detección Precoz de Enfermidades

Funcións:

a) A planificación, programación, coordinación e avaliación das actividades dos programas de detección precoz de determinados problemas de saúde individual e a difusión de información sobre eles.

b) A promoción e a colaboración na formación do persoal que desenvolve os diferentes programas sobre detección precoz de enfermidades.

c) O estudo e deseño de propostas sobre novos programas baseados en estratexias de detección precoz.

d) A proposta, no ámbito das súas competencias, e eventualmente o desenvolvemento, de novas metodoloxías para a detección precoz das enfermidades no seu ámbito territorial de actuación.

e) A interlocución a nivel nacional cos organismos competentes no ámbito da detección precoz.

f) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.