Día Mundial sen Tabaco 2020

Día Mundial sen Tabaco 2020

NOTA DE PRENSA DA CONSELLERÍA DE SANIDADE

31 de maio de 2020, Día Mundial sen Tabaco


Tabaco.png


"Protexer a mocidade da manipulación da industria e previr o uso da nicotina e o tabaco"

A Organización Mundial da Saúde promove dende 1988 a celebración, cada 31 de maio, do Día Mundial sen Tabaco, dedicado a resaltar os riscos para a saúde asociados a fumar e a exposición pasiva do fume do tabaco, ademais de promover políticas eficaces para reducir o seu consumo.

Este ano a OMS dirixe a súa mirada aos máis novos e as estratexias que se utilizan para inducir o consumo nas idades máis temperás.

O obxectivo é advertir que a industria tabacaleira ten posto o foco na mocidade para lograr aumentar as súas ventas, promocionando os novos produtos para fumar, como son os cigarros electrónicos ou os PTQ (produtos de tabaco quentados).

En Europa estase mostrando un aumento significativo do uso dos novos dispositivos entre mozos/as de 13 a 15 anos, sendo mais frecuente o seu uso nestas idades que entre as persoas adultas.

En España, segundo datos da Enquisa sobre uso de drogas en Ensinanza Secundaria (ESTUDES, 2018) o 48,4 % dos estudantes de 14 a 18 anos probou o cigarro electrónico, fronte ao 20,1% de 2016.

Por outra parte, dentro do mercado americano, o sistema JUUL (tamén coñecido como “pod - mod”) xa ocupa o 50% dos cigarros electrónicos e está acadando proporcións epidémicas entre os adolescentes. Os cigarros electrónicos comercialízanse en mais de 100 países, e os PTC en 40 incluíndo España.

O tabaco é intrínsecamente tóxico e contén sustancias canceríxenas, incluso na sua forma natural. Os PTC, xeran aerosois que conteñen nicotina (sustancia psicoactiva cunha gran capacidade de xerar adicción), ademais doutras sustancias tóxicas que non se atopan no fume dos cigarros convencionais e poden afectar a saúde. Aínda que se presentan como produtos que reducen os riscos, non hai probas de que os PTQ sexan menos nocivos que os produtos de tabaco convencionais. Os cigarros electrónicos, están asociados a un maior risco de enfermidades cardiovasculares, trastornos pulmonares e efectos adversos sobre o desenvolvemento do feto durante o embarazo (OMS).

O tabaco mata a metade dos seus consumidores, mais de 8 millóns de persoas morren ao ano, debido ao consumo directo ou a exposición pasiva (OMS).

É importante lembrar que calquera consumo, supón un risco para a saúde, xa que non existe un nivel seguro de exposición pasiva, nin de consumo. Tamén é importante saber que a adicción aparece, de forma xeral, ao redor dos dous anos do inicio do consumo.

En Galicia, segundo os últimos datos dispoñibles, as cifras de prevalencia de fumadores diarios -en poboación maior de 16 anos- é do 17% . No grupo de 16-24 anos, encontramos que un 14,6% dos mozos fuman diariamente e un 7,6% o fai de forma ocasional é nas mozas encontramos un 10,6% de fumadoras diarias e un 7% de ocasionais, polo que neste grupo, a prevalencia é dun 22% nos homes, e do 17,6% nas mulleres. (SICRI 2018).

A industria do tabaco está a idear continuamente numerosas maneiras de seducir á mocidade, con novos produtos de consumo, que promoven como de baixo risco, co fin de captar "novos clientes".

As estratexias utilizadas baséanse na incorporación de formatos atractivos para estes produtos, promovendo a súa utilización en eventos, incluíndo sabores atractivos para os mais novos, propiciando novas formas de consumo como  a shisha o pipas de agua ou os cigarros electrónicos, co fin de conseguir novos consumidores "fieis" ao produto.

Aínda que no noso pais a publicidade está prohibida dende a entrada da “Lei 28/2005 , de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco” a industria segue a buscar novas e máis desenvolvidas formas de dar publicidade aos seus produtos tanto directa como indirectamente. Anuncios e exhibición de produtos de tabaco en películas, series de tv ou plataformas de redes sociais con influenciadores dixitais pagados, son algunhas das estratexias utilizadas.

​Accións para o control do tabaquismo, como diminuír a accesibilidade, regular a publicidade, a venda e promoción do tabaco, os produtos do tabaco e os cigarros electrónicos, son medidas de comprobada eficacia para a prevención e están especialmente dirixidas á poboación infanto-xuvenil, sector prioritario a protexer

​É certo, que estamos indo por un bo camiño, ben traballado dende fai moitos anos, pero non podemos baixar a intensidade das nosas accións ata chegar ao noso destino, aínda que cada vez estamos mais preto de conseguilo.


 Santiago de Compostela, 31 de maio de 2020

Servizo de prevención de condutas adictivas