Dengue

Dengue

En agosto de 2023 detectouse o mosquito Aedes albopictus, mais non hai indicios de que estean infectados. Tampouco se detectaron casos autóctonos polo momento.

O dengue é unha enfermidade causada por virus da familia Flaviviridae, xénero Flavivirus. Ten catro serotipos (dengue1, dengue2, dengue3 e dengue4). Transmítese a través de mosquitos do xénero Aedes (A. aegypti e A. albopictus). En raras ocasións a transmisión pode ser por transfusións sanguíneas ou transplante de órganos procedentes de doantes infectados. Hai evidencia de transmisión vertical e no laboratorio.

Entre un 40-80% das infeccións son asintomáticas. Cando se producen síntomas, a maioría dos casos, tras un período de incubación de 3 a 15 días (normalmente de 4 a 10) desenvólvese unha enfermidade de curso clínico leve e autolimitado, mais noutros casos pódese desenvolver febre (maior de 38,5ºC), náuseas, vómitos, exantema, malestar xeral, mialxia, artralxia, dor retroorbitaria intensa (é un síntoma característico), petequias, trombocitopenia ou leucopenia. Hai signos de alarma como a dor abdominal intensa e persistente, vómitos persistentes, derrame seroso (en peritoneo, pleura ou pericardio), sangrado de mucosas, somnolencia, irritabilidade e hepatomegalia. No caso do dengue grave (dáse en menos do 5% de infectados, e semella que para que aconteza ten que haber infección previa por outro serotipo), prodúcese extravasación grave de plasma con shock ou acumulación de líquidos con insuficiencia respiratoria, hemorraxia espontánea grave e fallo multiorgánico.