A SUBDIRECCIÓN XERAL DE ESTILOS DE VIDA SAUDABLES
Correspóndenlle a esta subdirección xeral a aplicación das directrices da dirección xeral en materia de planificación, coordinación e avaliación das actuacións sobre os factores de risco relacionados cos estilos de vida e a promoción da saúde cunha perspectiva de equidade; as actuacións en materia de drogodependencias e as que se asignan ao Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación e adscrición do Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas, en cuestións relacionadas coa prevención; o fomento da saúde en todas as políticas, a través da xeneralización da avaliación do impacto en saúde das mesmas, o que supón considerar sistematicamente as implicacións en saúde na toma das decisións en todos os sectores e áreas da acción política tanto, sanitarias como non sanitarias, adoptando aquelas decisións que supoñan mellorar a saúde da poboación e a equidade; a planificación e desenvolvemento da Rede galega de promoción da saúde; a interlocución, coordinación e colaboración con outros departamentos da Xunta de Galicia e da Administración local na prevención das enfermidades non transmisibles, na prevención das condutas adictivas e na promoción da saúde; a coordinación das reunións da Comisión interdepartamental en materia de educación e saúde e dos comités creados por ela e velar pola execución das iniciativas encomendadas neste órgano; a interlocución e coordinación en materia de nutrición coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición; a colaboración coa Rede de vixilancia en saúde pública nos aspectos relacionados coa vixilancia dos factores de risco relacionados cos estilos de vida; a colaboración no mantemento do Observatorio de Saúde Pública de Galicia no ámbito da prevención das condutas adictivas, factores de risco relacionados cos estilos de vida e promoción da saúde; o desenvolvemento, en colaboración cos órganos que xestionan as actividades desenvolvidas pola Escola Galega de Saúde Pública, de estudos de investigación e de actividades de formación sobre prevención das condutas adictivas, factores de risco relacionados cos estilos de vida e promoción da saúde; así como todas aquelas funcións, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.
Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde
Funcións:
a) A planificación, programación, coordinación e avaliación das actividades que, incidindo sobre os determinantes da saúde e cunha perspectiva de equidade, promovan os estilos de vida saudables e a difusión da información sobre elas.
b) A promoción de actuacións que favorezan que as persoas vivan en contornas máis saudables e poidan tomar as mellores decisións para mellorar a súa saúde.
c) A planificación, programación, coordinación e avaliación das actividades de prevención e control das enfermidades non transmisibles e a difusión da información sobre elas.
d) A coordinación da Rede galega de promoción da saúde.
e) Asumir, de ser o caso, e consonte o disposto no artigo 4.5 do Decreto 61/2019, do 23 de maio, as funcións da secretaría da Comisión interdepartamental en materia de educación e saúde.
f) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.
Servizo de Prevención de Condutas Adictivas
Funcións:
a) A planificación, programación, coordinación e avaliación das actividades de prevención e control de trastornos adictivos, con especial atención á prevención do desenvolvemento de condutas adictivas por parte das persoas menores de idade.
b) A planificación, programación, coordinación e avaliación das actividades de prevención previstas na normativa referente ao consumo de tabaco, así como de todas aquelas actividades que así o requiran.
c) O desenvolvemento e actualización da carteira de servizos de prevención en condutas adictivas e a coordinación con todas as entidades implicadas para o seu desenvolvemento.
d) A planificación, programación, coordinación e avaliación de actividades de promoción do benestar emocional incluíndo a prevención do suicidio a nivel poboacional.
e) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.