Obxectivo e funcións CEA

Obxectivo e funcións CEA

O comité de Ética Asistencial é un órgano consultivo e interdisciplinar, ao servizo dos profesionais e dos usuarios dos centros sanitarios, constituído para analizar e asesorar na resolución de conflictos éticos que poidan xurdir como consecuencia do labor asistencial e que ten por obxectivo final mellora-la dimensión ética da práctica clínica e a calidade da asistencia sanitaria.
O comité poderá ser requirido na súa función asesora polos pacientes, a través do Servizo de Atención ó Paciente, e polos profesionais sanitarios e pola institución a través da propia secretaría do comité.
Correspóndelles ós comités de Ética Asistencial asesorar e emitir informes sobre as cuestións éticas relacionadas coa práctica clínica, que se produzan nas institucións sanitarias, co fin de mellora-la calidade da asistencia sanitaria, e para tal efecto:
  • Protexer os dereitos dos pacientes.
  • Analizar e facilitar o proceso de decisión clínica nas situacións que presentan conflitos éticos entre os seus intervinientes: o persoal sanitario, os pacientes ou usuarios e as institucións.
  • Propoñerlle á institución protocolos de actuación para as situacións en que xorden conflitos éticos graves ou de xeito reiterado.
  • Colaborar na formación bioética dos profesionais do hospital e atención primaria e, moi en particular, na dos membros do comité.
  • Elaborar a memoria anual de actividades do comité.
Non serán funcións dos comités de Ética Asistencial as seguintes:
  • Promover actuacións xurídicas directas en relación coas persoas ou a institución.
  • Realizar xuízos sobre a ética profesional ou as condutas do persoal sanitario, dos pacientes ou usuarios.
  • Propoñer sancións.
  • Subrogarse ou reemprazar a responsabilidade de quen pediu o seu asesoramento.
  • Tomar decisións de carácter vinculante.
  • Substituí-los comités Éticos de Investigación Clínica.
  • Realizar estudos cun obxectivo fundamental que sexa a análise de asuntos sociais e/ou económicos directa ou indirectamente relacionados coa asistencia sanitaria.
  • Asesorar ou emitir informe nos supostos en que o interesado presentase por escrito queixa ou reclamación xudicial ou administrativa.