Galicia suma cerca de 500 centros distribuídos por toda a comunidade con configuracións e características diversas que dan asistencia sanitaria a unha poboación de 2,7 millóns de habitantes.
Neste sentido a dispersión da poboación é un reto que require dispoñer de centros que permitan proporcionar un servizo universal á poboación. Así, esta acción centrarase na construción, reforma e adaptación de centros de saúde de acordo ao Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, completando as infraestruturas existentes, dando un maior e mellor servizo á poboación e liquidando as carencias funcionais e operativas actuais, adaptándose á evolución demográfica da poboación de referencia á que prestan servizos. Este plan está aliñado co Marco Estratéxico de Atención Primaria e Comunitaria.
O proxecto de construción dun centro de saúde en A Rúa (provincia de Ourense) supón a creación dun novo centro de saúde cunha superficie útil de 1.120,46 m² / 1.311,50 m² de superficie construídos, que se concibe para dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación da área de referencia mellorando o servizo de atención primaria coa execución do novo plan funcional, aprobado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria o 23 de novembro do 2021, relativo ao novo centro de saúde da Rúa.
O proxecto desenvolve un centro de saúde de planta baixa e planta primeira con acceso dende unha zona exterior cuberta. O centro dotarase, entre outros, co servizo de pediatría, sala polivalente de respiratorios, consulta polivalente, sala de técnicas, odontoloxía, traballo social, sala de educación para a saúde e consulta da muller. A entrada situase de tal xeito que queda estreitamente relacionada co parque público lindeiro Sur, para que de xeito natural, a chegada ao Centro de Saúde se poda facer peonalmente a través do parque.
| Obxectivo Político |
OP 4 Unha Europa máis social e inclusiva. |
| Prioridade |
P4A Transformación social. |
| Obxectivo específico |
RSO4.5 Velar pola igualdade de acceso á asistencia sanitaria e reforzar a resiliencia dos sistemas sanitarios, en particular a atención primaria, así como fomentar a transición da asistencia institucional á asistencia nos ámbitos familiar e local. |
| Liña de actuación |
4.5.01 Reforzo das Infraestruturas sanitarias de Atención Primaria e outros centros de atención especializada. |
| Ámbito de intervención |
043 Construción de novos edificios enerxeticamente eficientes. |
| Título da operación |
Construción dun centro de saúde en A Rúa (Ourense). |