Virus Respiratorio Sincitial

Virus Respiratorio Sincitial

O virus respiratorio sincitial (VRS) produce un cadro de infección respiratoria tanto en poboación infantil como adulta. Aínda que a meirande parte das infeccións son leves, o VRS é a principal causa infecciosa de ingreso nos nenos e nenas no seu primeiro ano de vida e a causa principal, case única, de bronquiolite. Asemade, nos últimos anos estase a recoñecer a crecente importancia do VRS como causa de ingreso hospitalario por infección respiratoria en adultos, especialmente nos maiores de 60 anos.

A importancia do VRS como patóxeno respiratorio e a dispoñibilidade dun anticorpo monoclonal, Nirsevimab, que resulta efectivo para previr entre un 70 e un 80% dos ingresos de nenos e nenas cando pasan a súa primeira onda epidémica, levou a que en 2023 se incorporase ao calendario de inmunizacións de Galicia.

Debido á estacionalidade do circulación do VRS, Nirsevimab adminístrase nesta tempada nunha campaña de recaptación aos nados entre o 1 de abril e o 21 de setembro de 2025, a todos os nenos nados dende o 22 de setembro e o 31 de marzo nos primeiros días de vida, e aos nados entre o 1 de outubro de 2023 e o 31 de marzo de 2025 con factores de risco para ter unha infección grave por VRS.

Como se comentou, a circulación do VRS é estacional, cunha onda epidémica anual, que se define a partir dun limiar de onda que na actualidade se establece no 3% de positividade. 

No informe semanal de seguimento do VRS en Galicia que se pode consultar nesta páxina, dáse conta da evolución da cobertura acadada pola inmunización con Nirsevimab e dos ingresos por VRS en diferentes grupos poboacionais.

​​​​