Vantaxes do diagnóstico e tratamento precoz da infección polo VIH

Vantaxes do diagnóstico e tratamento precoz da infección polo VIH

O diagnóstico precoz da infección polo VIH pode salvarnos a vida. Ante unha patoloxía como é o VIH-sida o tempo de reacción é fundamental. O diagnóstico precoz permite incrementar dunha maneira considerable a eficacia dos tratamentos contra o virus, e polo tanto, a esperanza e a calidade de vida das persoas infectadas. Son numerosos os estudos que conclúen que a detección precoz da infección fai posible un mellor pronóstico do desenvolvemento natural da enfermidade e reduce a aparición de outras doenzas frecuentes nas persoas con VIH. O tratamento precoz da infección polo VIH permite que a persoa afectada teña unha expectativa de vida potencialmente normal.

A nosa comunidade presenta, segundo os datos do Informe VIH-sida en Galicia 2004-2016, un diagnóstico tardío de infección polo VIH dun 50 % (DT: paciente con cifras de CD4 inferior a 350 células/µl na primeira determinación da súa infección polo virus), o que supón que a metade das persoas infectadas eran xa susceptibles de estar a tratamento antirretroviral.

Isto indícanos que a pesares dos grandes avances na abordaxe da infección polo VIH-sida, hoxe en día unha proporción moi importante de persoas afectadas non se benefician das vantaxes do diagnóstico precoz en termos de ganancia en cantidade e calidade de vida, ademais da prevención da transmisión do virus a outras persoas.

Por todo isto, a promoción do diagnóstico precoz entre as persoas con prácticas de risco é unha actividade prioritaria para a prevención e control da infección polo VIH. Isto sen esquecer que a actividade básica na prevención da diseminación das infeccións de transmisión sexual, incluído o VIH, é a promoción do uso correcto e sistemático de preservativos masculinos e femininos.

Para acceder ás poboacións que non adoitan acudir aos centros de saúde de atención primaria, estanse a realizar probas de detección rápida para o cribado precoz e anónimo de VIH , a través dos centros Quérote + e outras entidades colaboradoras. Estas probas conseguen obter nun prazo de 20 minutos un primeiro resultado, que de ser reactivo deberá ser confirmado posteriormente polos métodos citados no parágrafo anterior. Estas probas son indoloras, soamente necesitan unha mostra de saliva, son rápidas, fáciles de realizar e de almacenar; estas características fan posible que as probas rápidas non teñan que ser realizadas dentro da estrutura do sistema sanitario, senón que se poden levar a cabo en diferentes lugares como organizacións de xuventude, asociacións, ONG, ou noutras institucións, e facilitar así a realización das probas e o asesoramento daquelas persoas que polos motivos que sexan prefiren face-la proba dun xeito anónimo e nun marco de maior confidencialidade.

A promoción do diagnóstico precoz constitúe na actualidade, unha das actuacións máis eficientes de control da transmisión da infección.

O diagnóstico e o tratamento precoz do VIH, podería permitir nun futuro non moi lonxano acabar ca epidemia da sida, evitando millóns de mortes.

Vantaxes do diagnóstico precoz coas probas rápidas de VIH

1. Son probas gratuítas, indoloras, confidenciais e seguras.

2. Permite o acceso rápido e gratuíto aos eficaces tratamentos médicos dispoñibles hoxe en día.

3. O tratamento adiantado mellora o pronóstico da enfermidade, alarga a vida e mellora a súa calidade.

4. Diminúe a posibilidade de transmisión a terceiras persoas.

5. Facilitan o acceso das persoas infectadas aos numerosos recursos existentes para acadar un axeitado apoio médico, social e psicolóxico.

 

Conclusión

O diagnóstico precoz da infección permite beneficiarse das vantaxes que a terapia antirretroviral, altamente efectiva, proporciona, logrando unha mellor calidade de vida e unha expectativa potencialmente normal. Os test rápidos de VIH, permiten coñecer dunha maneira indolora e confidencial o estado serolóxico dunha persoa en aproximadamente 20 minutos. Estas probas poden realizarse de maneira totalmente anónima nos centros Quérote+ e outras entidades colaboradoras.

*Consulte onde pode realizarse a proba: http://www.sergas.es/Saude-publica/VIH-Entidades-probas-rapidas