O preservativo

O preservativo

O PRESERVATIVO

O preservativo, usado axeitadamente, é o método máis efectivo para previr as infeccións de transmisión sexual (ITS): VIH, sífilis, gonorrea, infeccións por clamidias, tricomonas, virus da hepatite B, C ou A. As ITS transmítense nos contactos íntimos con fluídos sexuais (seme, líquido preseminal ou fluído vaxinal) e, polo tanto, o preservativo debe colocarse antes do contacto con estes fluídos.

FACTORES QUE INFLÚEN NO USO

A penetración anal sen preservativo, tanto insertiva como receptiva, considérase a práctica de maior risco para a transmisión de ITS. Un estudo de 2015 detecta unha serie de factores de risco relacionados coa asunción desta práctica en homes que teñen sexo con outros homes (HSH). A modo de exemplo, o barebacking (penetración anal "a pelo" premeditada) foi máis frecuente nos homes máis xóvenes (menores de 24 anos), nos que tiñan estudos secundarios e nos que convivían en parella. Un dos principais escollos para empregar o preservativo é non dispor del, lévao sempre enriba por se xurde a ocasión e lembra conservalo nas condicións axeitadas.

PROTECCIÓN

Se te penetran analmente, o preservativo evitará que o interior do ano entre en contacto coa mucosa, o seme ou o líquido preseminal da túa parella. Calquera destes dous fluídos teñen capacidade para transmitir ITS como o VIH. Se es ti quen penetra, o preservativo evitará que o glande e o interior do prepucio se poña en contacto coa mucosa anal, coas secrecións e co sangue dos desgarros que se producen durante a penetración. No sexo oral tamén debes empregar o preservativo para evitar a transmisión do VIH ou calquera outra ITS. Se non se pon, polo menos evita a exaculación no interior da boca. É importante protexerse co preservativo, se a túa parella non quere empregalo pensa se che interesa ter unha relación sexual desprotexida cunha persoa que nin protexe a súa saúde nin respecta o teu dereito a protexerte. Lembra que unha soa práctica de risco é suficiente para transmitir o VIH ou outra ITS.

MODO DE EMPREGO

Primeiramente debe revisarse a data de caducidade, a presencia do marcado CE e a integridade do envoltorio. Se observamos que está caducado ou o envoltorio non está íntegro debe desbotarse. O preservativo debe colocarse sobre o pene erecto antes de producirse o contacto coa parella. Unha vez retirado do envoltorio hai que desenrolalo pola parte enrolada cara a fóra para estendelo de forma axeitada. Trala exaculación, o pene debe retirarse lentamente antes de que desapareza totalmente a erección. Manterase posto o preservativo e suxeitarase pola súa base para asegurar que non haxa saída de seme durante a retirada. O preservativo soamente pode empregarse unha vez e non debe lavarse xamais. No suposto de que estea administrando medicamentos de uso tópico sobre o pene ou a vaxina, consultar cun médico/a ou farmacéutico/a sobre a súa compatibilidade cos preservativos. Despois de utilizalo débese tirar ao lixo, nunca ao retrete.

ROTURA

Para reducir o risco de rotura do preservativo debe conservarse e empregarse axeitadamente. O preservativo debe conservarse nun sitio fresco, seco e non expoñelo ao sol. Soamente debe sacarse do seu envoltorio no momento de empregalo. Hai que evitar tocar o preservativo con unllas afiadas, aneis, dentes, etc e debe tratarse con suavidade ao extraelo do envase. O lubricante favorece a penetración e dificulta a rotura. Utiliza só lubricantes con base acuosa. Os lubricantes oleosos como a vaselina, parafina, aceite infantil, locións corporais, aceites para masaxes, manteiga, margarina e outros aceites poden danar o preservativo. Nunca empregues dous preservativos ao mesmo tempo porque o roce entrambos favorece que se rompan.

Que facer se se rompe o preservativo?

Se practicache penetración anal, insertiva ou receptiva, cun home con VIH e se vos rompeu o preservativo acude a un Servizo de Urxencias hospitalario para que valoren a posibilidade de iniciar un tratamento antirretroviral chamado Profilaxe Postexposición. É un tratamento de emerxencia que debe iniciarse o antes posible e, sempre antes das 72 horas posteriores, á práctica de risco. Estes fármacos só deben tomarse de forma excepcional unha vez que o médico/a valorara o risco/beneficio do tratamento.