Número 9: Campaña de inmunización fronte ás infeccións respiratorias en Galicia 26/27.Ampliación do cribado de cancro de cérvix en galicia.

Número 9: Campaña de inmunización fronte ás infeccións respiratorias en Galicia 26/27.Ampliación do cribado de cancro de cérvix en galicia.

​Portada_vol13_9.png​​CAMPAÑA DE INMUNIZACIÓN FRONTE ÁS INFECCIÓNS RESPIRATORIAS EN GALICIA 

O pasado 2​8 de setembro comezou en Galicia a campaña 26/27 de inmunización fronte á gripe, covid-19 e virus respiratorio sincitial (VRS), integrada na estratexia de prevención das infeccións respiratorias agudas (IRAs). Unha das principais novidades desta campaña é a ampliación da vacina antigripal de alta carga ao grupo de 65 a 69 anos, ata o de agora destinada unicamente aos maiores de 70 anos. Esta medida pretende aumentar a protección contra a gripe nas idades con maior risco de complicacións e evolución grave da enfermidade.

A vacinación antigripal infantil constitúe outro dos piares da estratexia. Nesta tempada participarán 75 centros educativos de tódalas áreas sanitarias galegas, 20 máis que na anterior. Isto supón que arredor de 26.500 escolares poderán recibir a vacina intranasal, 7.500 máis que na campaña precedente.

A campaña desenvolverase de forma progresiva. Desde o 28 de setembro vacinaranse as persoas residentes en centros de maiores e de discapacidade, así como os profesionais que traballan nestas institucións. A partires do 13 de outubro incorporarase a poboación infantil, tanto nos centros educativos para nenos e nenas de 3 a 11 anos como en atención primaria para a poboación de 6 meses a 11 anos,

mediante citación proactiva. Nesta fase tamén se incluirán as persoas inmobilizadas e os seus coidadores principais, as persoas inmunosuprimidas e o persoal dos centros sanitarios públicos e privados. O 19 de outubro comezará a vacinación das persoas de 70 ou máis anos, tamén mediante citación proactiva.

Paralelamente, desenvolverase a campaña de inmunización fronte ao VRS entre o 21 de setembro e o 31 de marzo. Estará dirixida principalmente aos recentemente nados, lactantes menores de seis meses e a determinados grupos de risco. Desde o 21 de setembro os hospitais xa administran a inmunización aos bebés tras o nacemento e realizan a citación da poboación de risco. Ademais, os menores de seis meses nacidos desde o 1 de abril serán citados a partir do 28 de setembro no seu hospital de referencia.

Deste xeito, a campaña mantén como obxectivos principais reducir a morbilidade e as complicacións asociadas ás IRAs nas persoas con maior risco e favorecer a protección da poboación infantil, contribuíndo á prevención da transmisión e á redución do impacto asistencial durante o período de maior circulación destes virus

AMPLIACIÓN DO CRIBADO DE CANCRO DE CÉRVIX EN GALICIA

O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Cérvix está implantado en tódalas áreas sanitarias dende decembro de 2023, estando dirixido ás mulleres de 35 a 65 anos, e sendo a proba primaria de cribado a detección de infección por xenotipos de alto risco oncoxénico do virus do papiloma humano (VPH-AR), algo do que xa deramos conta no Venres.

O grupo de traballo da European Commission Initiative on Cervical Cancer suxire utilizar a proba de detección do VPH-AR dende os 25 anos como proba primaria de cribado, sempre e cando estean implantadas estratexias de triaxe eficaces para as persoas positivas a VPH-AR. Esta directriz apoiase en que a incidencia do cancro de colo uterino no grupo de idade de 25 a 29 anos é superior ao limiar de eliminación da OMS (4 por cada 100.000 persoas-ano).

Ademais, comezar o cribado aos 25 anos pode detectar un número moderado de lesións precancerosas tratables, en comparación con inicialo aos 30 anos. Por outra parte, o aumento de derivacións a colposcopia (efecto indesexable), pode estar modulado polo impacto da vacinación sobre a incidencia da infección neste grupo de idade e podería reducirse mediante estratexias de triaxe efectivas.

Neste marco, a Orde SND/454/2025 adaptou a Carteira de Servizos do SNS segundo a idade da poboación diana e o seu estado de vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH). Así:

  • As persoas entre 25 e 29 anos: se non teñen, polo menos, unha dose de vacina fronte ao VPH administrada antes dos 15 anos de idade, iniciarán o cribado con 25 anos e, en caso contrario, aos 30.
  • As de entre 30 e 65 anos: iniciarán o cribado con 30 anos en tódolos casos.

Neste contexto, a Consellería de Sanidade ampliou en setembro o Programa de Cribado de Cancro de Cérvix ás persoas con colo de útero de 25 a 34 anos. A proba primaria será a determinación da infección por VPH-AR cada 5 anos, realizándose citoloxía de triaxe cando se detecten xenotipos distintos dos 16 e 18. A invitación á participación realizarase ao cumprir 25 e 30 anos, de xeito que en 5 anos quedará incorporada a totalidade da cohorte de 25-34 anos. Ademais, as persoas en situación de inmunosupresión deixan de ser criterio de exclusión e incluiranse no Programa, con roldas de cribado cada 3 anos (apéndice).

apendice_vol_13_9.png 

​AMPLIACIÓN DO CRIBADO DE CANCRO DE CÉRVIX EN GALICIA

​​​​​​​figura1vol 13_9.png

                

Se queres subscribirte ou darte de baixa dos envíos do venres epidemiolóxico

envía un correo co asunto “alta” ou “baixa” á seguinte dirección de correo: venres.epidemioloxico@sergas.es​​​