Número 7: A eclipse solar total en Galicia: aspectos clave para os profesionais sanitarios. Aumento de casos de Mpox na provincia de Pontevedra. Caso confirmado de sarampelo en Galicia

Número 7: A eclipse solar total en Galicia: aspectos clave para os profesionais sanitarios. Aumento de casos de Mpox na provincia de Pontevedra. Caso confirmado de sarampelo en Galicia

cabeceira_xullo.png


A ECLIPSE SOLAR TOTAL EN GALICIA: ASPECTOS CLAVE PARA OS PROFESIONAIS SANITARIOS

​A eclipse solar será un fenómeno astronómico de grande interese social que require unha adecuada planificación por parte dos servizos sanitarios. Aínda que non produce efectos fisiolóxicos directos sobre a poboación, existen riscos prevenibles relacionados coa exposición ocular e coa concentración masiva de persoas nas zonas de observación. 

A principal complicación sanitaria prevenible é a retinopatía solar, causada pola observación directa do sol, mesmo con nubosidade, sen protección homologada. Esta lesión fotoquímica da retina pode provocar diminución da agudeza visual, escotomas (manchas negras no campo de visión) centrais e fotofobia, con posibles secuelas permanentes. Ademais, a exposición prolongada ao sol durante o evento (a fase de eclipse total durará 2 horas e 2 minutos) incrementa o risco de queimaduras solares. 

Desde o punto de vista organizativo, espérase un incremento dos desprazamentos cara ás zonas con mellor visibilidade, especialmente nas zonas onde haxa nubosidade localizada, o que pode derivar en aglomeracións, retencións de tráfico, estacionamentos indebidos e maior risco de accidentes, polo que será importante a coordinación cos dispositivos de emerxencias e a difusión de mensaxes preventivas

Tamén resulta importante previr a desinformación, xa que determinadas crenzas poden favorecer os comportamentos de risco, polo que o consello sanitario é fundamental para favorecer a adopción de medidas baseadas na evidencia. 

O mensaxe prioritario é o uso correcto (especialmente polas crianzas) e exclusivo de lentes certificadas pola norma ISO 12312-2 ou métodos de observación indirecta, para unha observación segura da eclipse (apéndice). Debe evitarse o emprego de lentes de sol convencionais, cámaras, telescopios ou filtros improvisados, xa que o principal risco deriva do uso inadecuado destes dispositivos. 

Ademais, cómpre manter as medidas habituais de protección solar (chapeu, protector solar e roupa axeitada) prever o descenso da temperatura na eclipse total (20:30h) e, ao anoitecer, levar auga, alimentos, combustible e a medicación habitual, especialmente as persoas vulnerables, ante posibles dificultades na volta á casa. 

​Dado que a observación realizarase maioritariamente en contornas rurais, tamén é recomendable adoptar medidas para previr as picaduras de carrachas e mosquitos, e evitar interaccións innecesarias coa fauna silvestre. 

En resumo, a resposta sanitaria debe centrarse na prevención das lesións oculares, na promoción de condutas seguras e nunha comunicación clara e baseada na evidencia científica para minimizar riscos e garantir o desfrute seguro dun evento único na vida dunha persoa, como o será a eclipse solar total do 12 de agosto



AUMENTO DE CASOS DE MPOX NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA


​​Dende a semana 30/2026 notificáronse 4 casos de Mpox na provincia de Pontevedra, feito que supón un aumento relevante da incidencia respecto ao período anterior do ano 2026, no cal se notificaron dous casos na mesma provincia asociados ao abrocho de Mpox de Xaneiro

Todos os casos notificados aconteceron en homes menores de 30 anos e, ao igual que no abrocho anterior, coas prácticas sexuais de risco coma principal vía de transmisión identificada. Polo tanto, resulta relevante aumentar a sospeita clínica da Mpox nas consultas con clínica compatible (febre, exantema e/ou linfoadenopatías) en persoas que cumpran o perfil epidemiolóxico da enfermidade.

Ademais, dous dos casos presentaban condicións de risco previas e requiriron hospitalización, estando de alta no momento actual. Ningún dos casos figuraba vacinado previamente fronte á enfermidade. O rastrexo de contactos permitiu identificar vinculación epidemiolóxica entre dous dos casos, sen que acadara a determinar, polo momento ningunha outra vinculación clara co resto de casos ou con ningún ámbito xeográfico concreto. Polo momento, non se determinou o clado responsable destes casos, mais cabe recordar que ata o de agora, todos os notificados na nosa comunidade se deberon ao clado II. 

A infección por Mpox cursa habitualmente coma un cadro leve e autolimitado sen complicacións relevantes, aínda que pode producir enfermidade grave en nenos, embarazadas e persoas inmunocomprometidas, coma bronconeumonía, sepse ou encefalite, entre outras. Ademais, tendo en conta a frecuente a coinfección con outras ITS, débese realizar o seu cribado ante a sospeita clínica de Mpox, especialmente, do VIH.

Ante esta situación, é tamén importante promover e indicar a vacinación fronte á Mpox nos colectivos con prácticas sexuais de risco e persoas con situación de inmunodepresión, así coma comunicar de forma urxente ao SAEG os casos confirmados, co fin de iniciar o antes posible o rastrexo de contactos e a aplicación de medidas de control e profilaxe post-exposición.


apendice_vol13_7.png


sol_0.png


CASO CONFIRMADO DE SARAMPELO EN GALICIA


O pasado 28 de xullo confirmouse un caso de sarampelo nun nun home de 40 anos, con antecedente de viaxe recente a un país endémico, que evoluciona favorablemente e se atopa en bo estado xeral.

Os contactos identificados están sendo estudados e contactados dende o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia (SAEG) pero, dada a alta capacidade de contaxio do sarampelo, é moi importante manter unha elevada sospeita clínica en calquera persoa con febre, exantema e polo menos un dos seguintes: tose, coriza ou conxuntivite. Ante un caso sospeitoso, débese indicarlle medidas de illamento aéreo e recoller as tres mostras (ouriños, exsudado farínxeo e seroloxía). Ademais, debe notificarse con urxencia ao Servizo de Medicina Preventiva, de estar no hospital, ou ao SAEG.​

Se queres subscribirte ou darte de baixa dos envíos do venres epidemiolóxico

envía un correo co asunto alta ou baixa á seguinte dirección de correo: venres.epidemioloxico@sergas.es​​​


pe_VOL13_7_.png