Número 4: Inicio da tempada de carrachas en Galicia: A aplicación garrapata alert- Enfermidades de orixe alimentaria: un risco prevenible no día a día

Número 4: Inicio da tempada de carrachas en Galicia: A aplicación garrapata alert- Enfermidades de orixe alimentaria: un risco prevenible no día a día

​​​Cabecera__abril__2026.png
INICIO DA TEMPADA DE CARRACHAS EN GALICIA: A APLICACIÓN GARRAPATA ALERT 

Co inicio da primavera comeza tamén en Galicia a tempada de maior actividade das carrachas, vectores de crecente interese en saúde pública pola súa capacidade para transmitir diversas enfermidades infecciosas. No noso medio, as patoloxías máis frecuentemente asociadas á súa picadura son a enfermidade de Lyme e a febre exantemática mediterrá​nea (febre botonosa) [Venres].

A actividade destes artrópodos coincide cunha maior presenza da poboación en contornas naturais e actividades laborais no medio rural ou forestal, polo que cómpre recordar as recomendacións xerais, así como lembrar os circuítos de vixilancia e actuación na Atención Primaria.

Neste sentido é recomendabl​e insistir en medidas como o uso de roupa que cubra brazos e pernas, así como a utilización de repelentes autorizados sobre a pel exposta e a roupa. Do mesmo xeito, recoméndase revisar a pel tras a exposición, prestando especial atención en: axilas, orellas, embigo, detrás dos xeonllos, coiro cabeludo, ínguas e cintura, co obxectivo de detectar e retirar de forma precoz posibles carrachas adheridas. Máis información neste tríptico.

Ante a consulta por unha picadura, recoméndase a retirada da carracha, empregando pinzas finas e evitando a compresión do corpo do parasito, co obxectivo de minimizar o risco de transmisión de patóxenos. Posteriormente, e sempre que sexa posible, o exemplar pode remitirse para a súa identificación a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC) para ser analizado na Facultade de Veterinaria da USC en Lugo.

Como novidade nesta tempada, está dispoñible a aplicación Garrapata Alert, unha iniciativa de ciencia cidadá promovida polo Ministerio de Sanidade, orientada a mellorar o coñecemento sobre as especies de carrachas presentes e as enfermidades que poden transmitir. Mediante o envío de fotografías, a ferramenta permite a caracterización preliminar das especies detectadas no noso medio e contribúe á avaliación do risco de circulación de patóxenos.

Para os profesionais sanitarios, esta aplicación ofrece unha vía complementaria de apoio, xa que posibilita o envío de imaxes das carrachas retiradas aos pacientes e a recepción dunha identificación preliminar do vector, especialmente nos casos nos que non sexa posible a remisión física da mostra.


ENFERMIDADES DE ORIXE ALIMENTARIA: UN RISCO PREVENIBLE NO DÍA A DÍA 

As enfermidades de orixe alimentaria (EOA) constitúen un importante problema de saúde pública debido principalmente a súa capacidade para producir abrochos tras a inxesta de alimentos ou auga contaminados por axentes biolóxicos (bacterias, virus ou parasitos), toxinas naturais ou substancias químicas (histamina, biotoxinas). A súa prevención durante todo o ano baséase na vixilancia continua da seguridade alimen​taria e da auga de consumo mediante inspeccións, mostraxes e auditorías por parte da inspección de saúde pública.

Estes episodios cobran ademais especial relevancia cando se asocian ao consumo de alimentos ou produtos con distribución comercial, dado que pode requirir a aplicación de medidas de control de grande impacto -como a inmobilización de produtos ou a imposición de sancións- e xerar unha importante alarma social, como foi o caso da recente alerta por contaminación de leite de fórmula infantil pola toxina do Bacillus cereus.

En Galicia, como noutros territorios, os abrochos de EOA presentan unha marcada estacionalidade, cun aumento notable nos meses de verán, debido a que ​​ As temperaturas elevadas favorecen a multiplicación dos microorganismos, como pode apreciarse na evolución dos declarados na última década (apéndice). Contribúen á contaminación dos alimentos a falta de hixiene dos manipuladores e a contaminación cruzada. Ademais, un tempo ou temperatura de cociñado insuficiente favorecen a supervivencia dos microorganismos, e a refrixeración ou mantemento en quente inadecuados, a súa multiplicación.

Entre os axentes máis frecuentes ​atópanse bacterias como Salmonella, Campylobacter ou Staphylococcus, virus como o norovirus e substancias químicas como a histamina, mentres que os alimentos implicados con maior frecuencia son os peixes e moluscos, ovos, carnes e auga de consumo.

Cabe destacar que un importante número de abrochos por EOA prodúcense no ámbito do fogar, polo que é importante recordar que a prevención destas enfermidades baséase en medidas sinxelas pero fundamentais: hixiene das mans e superficies, cocción completa dos alimentos, conservación mantendo a cadea de frío dos produtos perecedoiros e separación entre alimentos crús e cociñados. Ademais, a maioría das EOA son evitables, polo que a información á poboación, así coma a adopción de boas prácticas na cociña son ferramentas clave para protexer a saúde colectiva.

Por último, é importante lembrar que calquera sospeita de abrocho por EOA -dous ou máis casos de enfermidade tras a inxesta dun mesmo alimento ou auga, ou ben un só caso producido pola inxesta de biotoxinas mariñas, botulismo ou envelenamento químico (ex. cogumelos)- son de declaración urxente ao SAEG. ​

Image_003.png 
ENFERMIDADES DE ORIXE ALIMENTARIA: UN RISCO PREVENIBLE NO DÍA A DÍA 

Figura_1.png 
Figura 1. Evolución do número mensual de abrochos EOA en Galicia no período 2015/24​


FINAL DA ONDA EPIDÉMICA ESTACIONAL DO VIRUS SINCITIAL RESPIRATORIO ​

Na semana 15 do ano en curso, que finalizou o 19 de abril, a porcentaxe de positividade das mostras analizadas para virus sincitial respiratorio nos laboratorios de microbioloxía de Galicia situouse, por segunda semana consecutiva, por debaixo do 3%. Este limiar define o inicio e o remate da onda epidémica estacional, polo que se considera concluída a onda deste virus.


1. Pie de página_V1.png