O PALUDISMO EN GALICIA: 2018-2024
Entre 2018 e 2024 notificáronse en Galicia 81 casos de paludismo, todos importados, cunha incidencia inferior á media estatal. A maioría afectaron a homes novos procedentes de África, principalmente por viaxes laborais ou vacacionais, e cun uso moi limitado de quimioprofilaxe. Plasmodium falciparum foi a especie predominante. A presenza en Galicia de vectores competentes é moi baixa, polo que o risco de transmisión autóctona considérase mínimo. Destácase a importancia da detección precoz, do manexo axeitado dos casos e da consulta previa ao viaxeiro.
INCIDENCIA DAS INFECCIÓNS DE TRANSMISIÓN SEXUAL (ITS)
Na última década observouse un incremento sostido das infeccións de transmisión sexual en Galicia, especialmente da gonococia, cun aumento moi acusado nos últimos cinco anos. Este patrón reflíctese tamén na poboación heterosexual, o que suxire unha baixa percepción do risco. Como resposta, púxose en marcha o Plan Galego de ITS 2026–2030 (Plan SEXSAN), que propón unha estratexia integral baseada na prevención, o diagnóstico precoz, o seguimento das infeccións crónicas e a mellora da calidade de vida das persoas afectadas, co obxectivo de reducir de forma significativa a incidencia destas infeccións.
AUMENTO DOS CASOS DE MPOX EN XANEIRO DE 2026
Entre decembro de 2025 e a semana 4 de 2026 notificáronse en Galicia nove casos de Mpox, o que supón un incremento notable respecto ao período previo. Todos os casos afectaron a homes e a transmisión foi principalmente sexual, asociada a prácticas de risco. Ante este abrocho, recórdanse as principais medidas a adoptar.