Volume 13-Nº 10: Estudo Combogal: estratexia vacinal combinada en maiores. Os retos da vixilancia epidemiolóxica da conduta suicida

Volume 13-Nº 10: Estudo Combogal: estratexia vacinal combinada en maiores. Os retos da vixilancia epidemiolóxica da conduta suicida

​Cabeceira2_VE_VOL13_10.png

ESTUDO COMBOGAL: ESTRATEXIA VACINAL COMBINADA EN MAIORES

A Consellería de Sanidade iniciou o 17 de outubro o estudo COMBOGAL , un ensaio clínico poboacional destinado a avaliar a efectividade dunha estratexia de vacinación combinada fronte á gripe e á covid-19 en persoas de 65 ou máis anos. O estudo pretende xerar evidencia en condicións reais sobre o impacto epidemiolóxico dunha única administración vacinal, comparándoa coa administración concomitante das vacinas estacionais fronte á gripe e á covid-19.

A investigación centrarase na avaliación de resultados clínicos de interese para a saúde pública, incluíndo a incidencia de infeccións por gripe e/ou SARS-CoV-2 con repercusión clínica, así como as hospitalizacións, complicacións graves e falecementos asociados a estas infeccións. Dado que a vacina combinada xa foi previamente avaliada en termos de seguridade e inmunoxenicidade, o ensaio busca determinar a súa efectividade comparativa nun escenario asistencial de rutina.

O estudo está promovido polo Hospital Herlev-Gentofte (Dinamarca) e desenvolverase en ​Galicia a través do Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría (GENVIP​) integrado no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, coa colaboración da Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP). Durante as campañas 2026-2027 e 2027-2028 prevese a inclusión duns 110.000 participantes.

A captación realizarase entre a poboación de 65 ou máis anos, será voluntaria e as persoas incluídas serán asignadas aleatoriamente a unha das dúas pólas do estudo: recepción dunha vacina combinada fronte á gripe e á covid-19 nunha única inxección ou administración simultánea das vacinas en dúas inxeccións independentes. Este deseño permitirá unha comparación robusta da efectividade de ambas estratexias. 

A vacinación realizarase nos puntos dos centros participantes​, coincidindo coa campaña habitual fronte á gripe e á COVID-19. Informarase da opción de participar no estudo mediante un sistema de autocita habilitado durante cinco fins de semana, de 9:00 a 14:00 e de 15:00 a 21:00 horas. Ofertaranse 10.000 citas por fin de semana, ata un total de 50.000 citas ao longo do estudo.

Desde unha perspectiva de saúde pública, o interese do ensaio radica na posibilidade de simplificar as campañas de vacinación estacional fronte a virus respiratorios. A redución do número de administracións podería contribuír a mellorar a aceptación vacinal, diminuír a fatiga asociada ás recomendacións de inmunización repetidas e favorecer unha maior cobertura vacinal. A confirmación dunha efectividade comparable entre ambas as estratexias facilitaría a incorporación da vacina combinada aos programas rutineiros de vacinación.

Esta iniciativa enmárcase na liña de investigación aplicada que a DXSP vén desenvolvendo no ámbito da prevención das infeccións respiratorias, co obxectivo de transferir a evidencia científica directamente á planificación e á toma de decisións.

OS RETOS DA VIXILANCIA EPIDEMIOLÓXICA DA CONDUTA SUICIDA

Na Unión Europea estímase que cada ano falecen por suicidio arredor de 50.000 persoas. En España rexístranse preto de 4.000 mortes anuais, o que supón unha taxa estandarizada de 8  casos/105 h. En Galicia, segundo os datos do Rexistro de Mortalidade, prodúcese aproximadamente un falecemento ao día por esta causa, cunha taxa arredor dos 11 casos/105 h. Ao igual que a nivel estatal, a mortalidade por suicidio é notablemente maior nos homes, e mostra t​endencia descendente dende que hai rexistros (apéndice). Obsérvanse tamén diferenzas na distribución xeográfica, unha característica ben coñecida deste problema de saúde, no noso caso con taxas superiores ás agardadas na metade norte da comunidade (apéndice).

Para avanzar cara unha prevención e unha posvención eficaces é fundamental un sistema de vixilancia da conduta suicida que proporcione información sistemática e oportuna, un reto que requirirá integrar fontes de datos moi diversas. Neste ámbito, terán un papel esencial o  Instituto de Medicina Legal de Galicia , o 061 e os servizos clínicos. Ademais, a extensión da codificación da conduta e ideación suicidas en SNOMED-CT aos servizos de urxencias e atención especializada, ata o momento só posible en atención primaria mediante os códigos CIAP P77 e P77.01, supón unha oportunidade para a mellora da vixilancia no ámbito asistencial, clave para o deseño de accións preventivas.

A vixilancia da conduta suicida estará integrada no futuro Sistema de Vixilancia da Saúde Mental de ámbito estatal, cuxo decreto regulador se atopa actualmente en elaboración. Galicia participa desde o pasado ano no Comité Técnico encargado de definir os procedementos comúns deste sistema. Ademais, o 7 de setembro aprobábase o Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030  , que contempla a creación de unidades específicas e programas de prevención da conduta suicida. Neste sentido, algunhas áreas sanitarias xa dispoñen de dispositivos específicos e circuítos de atención preferente, que permiten valorar o risco suicida en menos de sete días. O obxectivo é estender progresivamente este modelo a toda Galicia, garantindo unha abordaxe común e equitativa e asentando as bases do sistema de vixilancia.​


apendice_cast_vol_13_10.png​

OS RETOS DA VIXILANCIA EPIDEMIOLÓXICA DA CONDUTA SUICIDA

FIGURA1_vol_13_n10.png

Figura 1. Taxas anuais de mortalidade por suicidio, global e por sexos, en Galicia. APC: porcentaxe de cambio anual (anual percentage change)

FIGURA2_vol_13_n10.png​

Figura 2. Razón de mortalidade estadarizada e suavizada por suicidio nos concellos galegos no período 2020-2024.





Se queres subscribirte ou darte de baixa dos envíos do venres epidemiolóxico

envía un correo co asunto “alta” ou “baixa” á seguinte dirección de correo: venres.epidemioloxico@sergas.es



pe1_VOL13_10.png ​