Número 2: Proxecto Xenoma Galicia - Final Onda Epidémica Estacional VRS

Número 2: Proxecto Xenoma Galicia - Final Onda Epidémica Estacional VRS

VE12-N2.png

cab1.png

O Proxecto Xenoma Galicia é unha iniciativa innovadora de medicina 7P (Personalizada, Predictiva, Preventiva, Participativa, Poboacional, Proactiva, Precisa) promovida pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, coordinada pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Dirección Xeral de Saúde Pública. A súa aprobación polo Parlamento Galego en 2023 consolida o seu respaldo institucional.


O obxectivo principal é facer un cribado xenético poboacional  de 400.000 persoas de entre 35 e 70 anos en cinco anos, que abarcará de enfermidades hereditarias (cáncer de m
ama e ovario hereditarios; síndrome de Lynch e hipercolesterinemia familiar). O proxecto analizará 300.000 mostras de saliva e 100.000 de sangue, creando unha cohorte poboacional e un biobanco de 100.000 mostras, clave para futuras investigacións.


Para testar a viabilidade desta iniciativa, deseñouse un proxecto piloto con 2.000 participantes (1.000 mostras de sangue e 1.000 de saliva) nun total de 15 concellos seleccionados en función do seu carácter urbano, semiurbano e rural (Figura 1), cada un dos cales aportaría 5 persoas por tramo de idade e sexo (total de 70). A primeira fase, centrada na recollida de sangue, realizouse en decembro de 2024 nos 14 hospitais públicos galegos.


As persoas foron convidadas por SMS, con ligazón a unha web informativa onde podían autoaxendar a súa cita. Ademais, organizáronse webinarios cos centros de saúde e farmacias para facilitar a comprensión do proxecto. 


Grazas ao traballo en equipo do persoal da Fundación, da Consellería e das áreas sanitarias acadouse o obxectivo de 1036 participantes. Os primeiros resultados son prometedores, pero tamén evidencian retos: A participación foi do 15% das persoas invitadas, o que permite estimar que, de estenderse a toda Galicia, sería necesario enviar 6 invitacións por cada persoa participante. Observouse que as mulleres participan máis que os homes  e que a implicación diminúe co aumento da idade (Figura 2).


A segunda fase está preparada para o primeiro cuatrimestre e nela teránse en conta todas as leccións aprendidas para lograr que a participación sexa homoxénea por tramo de idade e sexo, seguindo a dinámica doutros cribados.


Estas dúas fases do piloto servirán para optimizar a estratexia de implementación definitiva e mellorar a captación de participantes. A aposta pola medicina xenómica en Galicia supón un avance cara a unha sanidade máis preventiva e personalizada, sentando as bases para a integración da xenética na Saúde Pública de Galicia.​


cab2.png

O virus respiratorio sincital (VRS) é causa frecuente de infección respiratoria aguda na poboación infantil menor de 2 anos, sendo a principal causa de hospitalización nos menores de 1 ano. Normalmente a infección por VRS é leve, pero pode ser grave en nenos prematuros e persoas anciáns e dar lugar a bronquiolite, pneumonía, bronquite e crup.


A circulación do VRS ten carácter estacional, con ondas epidémicas anuais que duran entre 10 e 22 semanas e que en Galicia, adoitan ocorrer entre outubro e marzo. A través do sistema de vixilancia posto en marcha xa no 2013, é posible coñecer o inicio e o fin da onda epidémica. Isto foi de grande importancia para establecer o inicio e fin da administración do palivizumab e, hoxe en día, para establecer as datas da campaña de administración de nirsevimab aos nados antes da onda e o momento de interromper a súa administración aos recén nados durante a onda.


A vixilancia do VRS realízase a través de información microbiolóxica a partir da cal avalíase a porcentaxe de positividade das mostras para VRS. A avaliación do limiar empregado para definir a onda epidémica de VRS publicouse no Boletín Epidemiolóxico de Galicia e estableceuse no 3%. Así, tras a pandemia da COVID-19, a onda anual de VRS comeza cando o 3% das mostras estudadas para VRS son positivas e remata cando a positividade baixa dese valor.


Na semana que rematou o 24 de novembro (semana 47/2024), superouse por primeira vez nesta  tempada 2024/25, o limiar do 3% de positividade, iniciándose a onda de VRS. O pico da onda acadouse ás cinco semanas do inicio, na semana que rematou o 29 de decembro (semana 52/2024). A partir desa semana a porcentaxe de positividade mantivo unha tendencia descendente ata baixar do 3% na semana que rematou o 9 de marzo (semana 10/2025), dando por rematada a onda.  


A evolución da onda epidémica de VRS na tempada 2024/25 pódese consultar nos informes semanais publicados na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP), actualizados cada mércores cos datos da semana inmediatamente anterior .


ap1.png


ap2.png


pie.png





 

​​​​