O recente informe de resultados do programa (2013-2023) amosa unha mellora na participación ata acadar un 54,59% no ano 2023 (Figura 1), maior nas mulleres ca nos homes (58,21% vs 49,54%), debida en parte a que en novembro de 2022 comezou a enviarse o test xunto coa invitación sen necesidade de aceptación previa. Na pilotaxe realizada no área de A Coruña-Cee detectárase un incremento da participación inicial, obxectivo da estratexia, xa que en roldas sucesivas é case do 90% en ambos sexos.
A taxa de positividade ó test de SOF foi do 5,68%, mentras que a taxa de detección acadou os 2,45/1000 participantes (2.618 tumores), 3,59‰ homes vs. 1,57‰ mulleres (Táboa 1), o que supuxo un valor preditivo positivo do 4,62%. Os homes participan menos podendo beneficiarse mais que as mulleres por ter un risco bastante superior.
Con todo, a sensibilidade PGDPCC non é do 100%, e poden presentarse casos entre un cribado negativo e a seguinte rolda, os denominados cancros de intervalo (CI). No período estudado detectáronse 220 CI (sensibilidade do PGDPCC dun 87,4%). En roldas sucesivas as taxas de detección son inferiores ás da inicial, reflectindo o impacto do programa na incidencia da enfermidade (Táboa 2).
O 65,47 % dos cancros detectados identificáronse en estadios precoces (46,91% estadio I e 18,56% estadio II), a diferencia do 14% de CCR en estadio I identificados fóra do PGDPCC. Ademais, diagnosticáronse 23.094 persoas con lesións que requeriron seguimento con colonoscopia.
Un dos obxectivos a futuro para aumentar tanto o rendemento do programa coma o seu impacto na saúde é incrementar a participación, sobre todo dos homes. Para elo, é necesario promocionar o PGDPCC, tarefa na que resultará imprescindible a colaboración da Atención Primaria.