Número 10: Día mundial da SIDA - Consumo de hipnosedantes en Galicia durante o 2023

Número 10: Día mundial da SIDA - Consumo de hipnosedantes en Galicia durante o 2023

VENRES EPIDEMIOLÓXICO_10_1.png


DIA MUNDIAL DA SIDA 2024
 
O pasado 1 de decembro celebrouse o Día Mundial da Sida, polo que queremos aproveitar a data para resaltar os datos máis relevantes recentemente publicados no Informe VIH e outras ITS en Galicia 2024.
Entre 2004 e 2023 rexistráronse en Galicia unha media anual de 169 persoas infectadas polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH), o que representa unha incidencia anual media de 6,15 casos por 100.000 habitantes. Non obstante, é importante destacar a tendencia descendente desta incidencia, pasando de 6,9 casos por 100.000 habitantes en 2013 a 4,3 neste pasado 2023 [Apéndice].
O perfil das persoas infectadas adoita ser home (80% dos casos) cunha media de idade de 38 anos. Nos vinte anos analizados, as relacións sexuais foron nun 80% das ocasións a práctica de risco máis asociada coa infección. De forma xeral, un 45 % dos casos deuse entre homes que referiron ter sexo con outros homes (HSH) e un 35% entre casos que referiron relacións heterosexuais. Non obstante, non podemos esquecer que tamén existe un 14% dos casos de VIH que se contaxiaron por compartir material de inxección. Se consideramos illadamente o sexo masculino, a porcentaxe de transmisión por relacións entre HSH ascende ao 55% e a vía heterosexual diminúe ata o 26%.
En canto ao diagnóstico, resulta fundamental recordar que unha parte importante dos diagnósticos de infección polo VIH fixéronse de forma tardía, atopándose valores analíticos de <350 linfocitos CD4/μl no 48% das persoas recentemente diagnosticadas. Polo tanto, como indica o documento de Recomendacións para o diagnóstico precoz do VIH en Galicia, é moi importante que nos centros de saúde se oferte a proba diagnóstica do VIH a todas as persoas de entre 20 e 59 anos sexualmente activas que precisen dunha analítica de sangue, cando menos unha vez na vida, ainda que consulten por outra causa non relacionada co VIH.
Por último, comentar que pese a reducción na incidencia das infeccións polo VIH, outras infeccións de transmisión sexual (ITS) non están a seguir esta tendencia. Desde o ano 2022, tras a fase aguda da pandemia da COVID-19, as incidencias de ITS como sífilis duplicáronse e no caso da gonococia e a clamidíase chegaron a triplicarse [Apéndice].
 
O CONSUMO DE HIPNOSEDANTES EN PERSOAS ADULTAS DE GALICIA DURANTE O ANO 2023
 
No contexto dunha sociedade onde son cada vez máis as persoas que padecen ou manifestan problemas de saúde mental, asistimos a un incremento paralelo do consumo de diferentes medicamentos psicotrópicos. Ademáis, a falta de recursos, de tempo e a propia saturación do sistema socio-sanitario, resultan na medicalización de problemas que se deberían tratar con intervencións cognitivas ou sociais, contribuíndo así a este aumento do consumo.
Os hipnosedantes defínense como aqueles medicamentos psicotrópicos empregados principalmente para reducir síntomas como a ansiedade, estrés ou mellorar a calidade do sono. Malia que son medicamentos moi útiles para o tratamento de diferentes doenzas e síntomas, o seu uso non está exento de riscos. A pesar disto, segundo os datos da última enquisa sobre alcohol e outras drogas (EDADES-2024), 1 de cada 20 españois de entre 15 a 64 anos recoñece ter consumido hipnosedantes sen receita algunha vez na vida. A prevalencia de consumo nos últimos 30 días, con ou sen receita, acada o 8% en España e o 10% en Galicia.
O Sistema de Información sobre Condutas de Risco de Galicia (SICRI) do ano 2023 tamén recolleu información sobre o consumo de hipnosedantes entre a poboación galega de 16 anos ou máis. Con preto de 8.000 enquisados, máis de catro veces o número de participantes en EDADES-2024, os datos do SICRI-2023 permiten analizar polo miúdo a situación do consumo de hipnosedantes en Galicia e os factores asociados a este consumo. Globalmente, un 19,1% da poboación galega maior de 15 anos refire ter consumido hipnosedantes no último mes, e o 2% deles conseguiunos sen unha receita. A prevalencia de consumo é máis alta nas mulleres (26% vs. 12%), e aumenta coa idade: do 6% no grupo de 16 a 24 anos ata o 30% nos ≥ 65 anos. O consumo tamén é máis elevado entre as persoas que perciben peor a súa saúde, teñen enfermidades crónicas ou mala saúde mental.
Cando se axusta polas condicións de saúde, todas se asocian significativamente co consumo de hipnosedantes, excepto a multimorbilidade. Pola contra, se estas non se teñen en conta, as características asociadas a un maior consumo son: ser muller, ter máis de 25 anos, vivir nun ámbito urbano, non traballar/estudar, non ter estudos superiores, non convivir en parella, consumir tabaco e ter obesidade [Apéndice].
É imprescindible continuar analizando estes datos nos vindeiros anos para determinar a prevalencia do mal uso naqueles grupos máis susceptibles de ter un consumo problemático e facilitar así a planificación e avaliación en saúde pública a través das tendencias.
Image_003.png

DIA MUNDIAL DA SIDA 2024
Captura de pantalla 2024-12-13 100129_1.jpeg
 
O CONSUMO DE HIPNOSEDANTES EN PERSOAS ADULTAS DE GALICIA DURANTE O ANO 2023 
 
Captura de pantalla 2024-12-13 100244_1.jpeg
1. Pie de página_V1.png