Número 9: Consumo de antimicrobianos na atención primaria durante o 2023 - Inicio da tempada de infeccións respiratorias agudas 24-25

Número 9: Consumo de antimicrobianos na atención primaria durante o 2023 - Inicio da tempada de infeccións respiratorias agudas 24-25

VENRES EPIDEMIOLÓXICO_9.png


CONSUMO DE ANTIMICROBIANOS NA ATENCIÓN PRIMARIA DURANTE O ANO 2023

Como cada ano desde o pasado 2008, o vindeiro 18 de novembro celébrase o Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos co obxectivo de sensibilizar sobre a ameaza que a resistencia aos antibióticos supón para a saúde pública e fomentar o uso adecuado dos mesmos.

Ao respecto do consumo global de antimicrobianos en Galicia, na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública pode consultarse información trimestral sobre a dispensación en farmacia comunitaria, así como informes anuais máis detallados. Hai que ter en conta que incluír nestes informes o patrón microbiolóxico e o perfil poboacional local, permitiría facer unha análise da calidade do uso dos antibióticos que poderían explicar certas desviacións do consumo.

Os datos do 2023, que se publicará no próximo Boletín Epidemiolóxico de Galicia, mostran que o consumo en Atención Primaria (AP) foi de 24,04 doses diarias definidas por cada mil habitantes e día (DHD), superior á media española de 22,53 DHD [1]. En Galicia a distribución foi entre receita SERGAS (71,0%), privada (24,4%) e mutuas (4,6%).

Desde o 2014, o consumo de antimicrobianos en Galicia sempre foi superior á media española, aínda que ambos tiveron unha tendencia descendente ata o ano 2020, momento no que se produciu unha caída abrupta motivada pola pandemia. Non obstante, nos anos 2022 e 2023 o consumo volveu case aos niveis do 2019, pero cun incremento máis pronunciado en Galicia [Apéndice].

Máis da metade do consumo de antibióticos débese ao grupo das penicilinas, sendo maioritario a amoxicilina-clavulánico cun 29,2% das DHD consumidas no 2023 seguido pola amoxicilina (24,8%). Outros antibióticos con consumo significativo foron as cefalosporinas (13,8%), os macrólidos (12,3%), as fluoroquinolonas (8,8%) e as tetraciclinas (7,2%).

O Plan Nacional frente a la Resistencia a los Antibióticos (PRAN) establece unha batería de indicadores de consumo de antimicrobianos en AP orientados a medir a calidade do seu uso. Estes indicadores non teñen un estándar establecido, senon que adquiren valor ao compararse entre poboacións homoxéneas ou ao analizar tendencias temporais. A comparativa de Galicia respecto a España no 2023 mediante os indicadores de consumo establecidos polo PRAN mostra un escenario desfavorable en Galicia ao presentar un maior consumo global de antibióticos, unha maior porcentaxe de consumo de antibióticos de amplo espectro e unha menor porcentaxe de consumo de antibióticos de espectro reducido, sendo só o indicador do consumo de fluoroquinolonas mellor en Galicia [Apéndice].

Estes datos permiten identificar problemas potenciais en Galicia que dirixan accións de mellora dos Programas de Optimización do Uso dos Antimicrobianos (PROA).


INICIO DA TEMPADA DE INFECCIÓNS RESPIRATORIAS AGUDAS 2024-2025

Unha tempada máis, coa chegada do outono comeza o aumento de casos de infeccións respiratorias agudas (IRAs), o cal implica a necesidade de intensificar a información epidemiolóxica sobre os microorganismos con maior potencial epidémico: o VRS, a gripe e o SARS-CoV-2.

No caso do VRS, tras validar un ano máis o limiar da onda epidémica e establecelo nunha positividade do 3%, vemos como nos aproximamos a estes valores na pasada semana 45 [1]. Polo tanto, é probable que ao longo desta ou da próxima entremos en onda [Apéndice]. Deste xeito, semella que o VRS volve circular nas semanas habituais, pois despois da COVID-19 o inicio da onda adiantouse durante varias tempadas, iniciándose incluso durante o mes de setembro.

No caso da gripe, o inicio da onda epidémica establécese mediante o indicador da intensidade da actividade gripal (razón do número total de casos de gripe atendidas semanais entre o número de médicos que os atenderon). Actualmente continuamos en nivel basal [Apéndice], pero cun lixeiro aumento respecto das semanas previas que podería indicar un inicio da onda nas próximas semanas, volvendo tamén a unha circulación típica prepandemia.

Por último, no caso da COVID-19 aínda non se dispón de suficientes series históricas estables que permitan definir limiares de inicio da onda epidémica, xa que a circulación do virus non sigue aínda un patrón estacional. Deste xeito, a comparación só é posible con respecto ás temporadas post-pandemia 22-23 e 23-24 nas que a circulación debuxa ondas menos marcadas cun número de casos que descende lixeiramente cando aumenta o VRS e a gripe, o cal tamén está a ocorrer nestes momentos [Apéndice].

Por todo isto, e para reducir os contaxios e a súa gravidade, resulta fundamental recordar a importancia da vacinación fronte a gripe, COVID-19 e VRS en todas aquelas persoas candidatas e fomentar un uso adecuado das medidas preventivas, tanto nas persoas con clínica como naquelas que as atenden na súa contorna e nos centros sanitarios.

Image_003.png 


CONSUMO DE ANTIMICROBIANOS NA ATENCIÓN PRIMARIA DURANTE O ANO 2023

Captura de pantalla 2024-11-14 150913.jpeg

INICIO DA TEMPADA DE INFECCIÓNS RESPIRATORIAS AGUDAS 2024-2025 
Captura de pantalla 2024-11-15 075320.jpeg
1. Pie de página_V1.png