Número 6: Vixilancia de mosquitos e oropouche - O control oficial na protección da saúde - Aumento sarampelo a nivel mundial

Número 6: Vixilancia de mosquitos e oropouche - O control oficial na protección da saúde - Aumento sarampelo a nivel mundial

VE_V11_N6.png
 

VIXILANCIA DE MOSQUITOS: INFORME ReGaViVec 2023 E OROPOUCHE EN AMÉRICA LATINA

Debido a factores coma o aumento da mobilidade de persoas e mercancías, a acción do home en hábitats salvaxes ou o cambio climático, están a emerxer e reemerxer diferentes enfermidades transmitidas por vectores que xa existían no noso país ou que se detectaron nos últimos anos. Tendo en conta isto, no ano 2023 aprobouse o Plan Nacional de Prevención, Vigilancia y Control de Enfermedades Transmitidas por Vectores. Así mesmo, dende o ano 2017 funciona na nosa comunidade a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), co obxectivo de detectar a chegada de novos vectores ao noso territorio e de coñecer a densidade, distribución e grao de infección dos xa presentes.

Os resultados do informe ReGaViVec 2023 amosan 71 concellos mostrexados e 9097 dípteros identificados (culícidos, culicoides e flebótomos) con potencial interese vectorial [Apéndice]. Actualmente o achado máis importante é a presenza do Aedes albopictus (mosquito tigre) nos concellos de Moaña, Cangas, Vigo, Redondela e Vilaboa, xa que este culícido é potencial transmisor de enfermidades de declaración obrigatoria coma o dengue, chikungunya ou Zika. Actualmente, existe un aumento importante de casos de dengue a nivel mundial, especialmente en América Latina e no Sudeste Asiático [1], polo que o risco de introdución de casos asociados a viaxes é moi alto. Deste xeito, calquera profesional sanitario que identifique a unha persoa con síntomas compatibles, antecedente de picadura e viaxes á zonas co vector nos últimos 15 días, deberá informar ao SAEG para declarar a sospeita, valorar as medidas preventivas e solicitar unha proba diagnóstica.

Do mesmo xeito, tamén están a aumentar os casos de Oropouche (OROV) en diferentes países de América Latina, especialmente en Cuba [2]. Esta enfermidade pode manifestarse como unha enfermidade febril aguda semellante ao dengue (cefalea, náuseas, vómitos, mialxias e artralxias), podendo presentar ocasionalmente síntomas graves (hemorraxias ou meninxite). Por iso, o ECDC está a solicitar que a enfermidade sexa descartada en viaxeiros procedentes destes países cando presenten clínica compatible e resultados negativos a dengue, chikungunya e Zika. O seu principal vector é o Culicoides paraensis, non presente en Europa, polo que o risco de introducción en España é baixo xa que, ainda que non se pode descartar a transmisión a través dos culicoides do noso territorio, non se consideran vectores da enfermidade e non está descrita a transmisión persoa-persoa.

O PAPEL DO CONTROL OFICIAL NA PROTECCIÓN DA SAÚDE

No contexto da protección da saúde, o control oficial é o conxunto de actuacións encamiñadas a verificar o cumprimento da lexislación sanitaria realizadas polo persoal de inspección de saúde pública, veterinarios (seguridade alimentaria) e farmacéuticos (sanidade ambiental). As distintas actuacións comprenden inspeccións, auditorías e toma de mostras, recollidas en plans e programas co fin de garantir un idóneo nivel de protección da saúde da cidadanía [Apéndice]. Estas actuacións poden ocorrer dentro dun contexto planificado para garantir que non existan problemas de saúde pública e notificalos en caso de ser detectados, pero tamén se levan a cabo cando se xera unha alerta, en moitos casos detectadas por profesionais sanitarios do ámbito clínico. Polo tanto, a sospeita clínica e posterior comunicación ás autoridades sanitarias facilita a detección temperá de ameazas alimentarias e ambientais, evitando un impacto maior para a saúde da cidadanía.

Este fluxo bidireccional é fundamental para o correcto funcionamento das redes de alertas. A nivel nacional pode obterse información en relación a alertas alimentarias co SCIRI e, a nivel europeo, no RASFF. Tamén hai outras alertas, como as de cosméticos, produtos de hixiene persoal, tatuaxes e piercings, produtos bioquímicos etc.

En Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública establece as directrices para todo o control oficial en base a procedementos de calidade baseados na norma ISO. Deste xeito, fai dous anos iniciouse o proceso de acreditación de calidade para o control de matadoiros e industrias agroalimentarias, sendo os servizos de inspección veterinaria de Saúde Pública de Pontevedra pioneiros a nivel de España en acadar a acreditación outorgada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), baixo a norma UNE-EN-ISO/IEC 17020. Esta acreditación é recoñecida e aceptada en máis de 100 países en todo o mundo, polo que o próximo obxectivo será ampliar o alcance da acreditación de xeito paulatino ate incluír o totalidade das actuacións de control oficial no territorio galego. Os seus principais beneficios son: (1) garantir unha correcta execución das actividades de control oficial de acordo coas regras establecidas nunha Norma e (2) achegar fiabilidade e recoñecemento aos servizos de inspección o que repercute directamente na confianza dos cidadáns.​

Image_003.png

VIXILANCIA DE MOSQUITOS: INFORME ReGaViVec 2023 E OROPOUCHE EN AMÉRICA LATINA

Captura de pantalla 2024-07-11 121331.png 
[3][4][5][6][7], [8][9]

O PAPEL DO CONTROL OFICIAL NA PROTECCIÓN DA SAÚDE

Captura de pantalla 2024-07-11 124441.png 

AUMENTO DOS CASOS DE SARAMPELO A NIVEL MUNDIAL

Dende o ano 2022 detectouse un incremento de casos de sarampelo a nivel mundial, chegando a 10.887 casos na Unión Europea entre abril de 2023 e marzo de 2024, sendo o 80,5% dos casos en Romanía [10]. En España pasouse de 15 casos no 2023 a 148 no 2024, mentres que en Galicia só se confirmaron 2 casos relacionados entre eles a principios deste ano [11]. Dada esta situación, a probabilidade de exposición ao virus en Galicia e España aumentou, aínda que o risco considérase baixo debido ás altas coberturas de vacinación. Tendo en conta esta situación, a DXSP acaba de publicar as actuacións para a eliminación do sarampelo en Galicia:

  • Mellorar a vacinación: (1) acadar coberturas >95% na poboación infantil mediante captación activa a nivel comunitario, (2) aproveitar as visitas aos servizos sanitarios e a Riscos Laborais para revisar o estado de vacinación segundo a idade e condición de risco, especialmente no persoal de centros sanitarios, (3) aproveitar as consultas do viaxeiro para revisar o estado de protección fronte ao sarampelo en viaxeiros a destinos de alto risco de transmisión, (4) realizar estratexias específicas en persoas susceptibles procedentes de países con alta incidencia, especialmente nas que veñen a traballar no sector agrícola.

  • Aumentar a sospeita clínica: o cadro clínico típico contempla febre, exantema maculopapular e polo menos un dos seguintes: tose, rinite ou conxuntivite. Hai que ter en conta que as persoas vacinadas poden ter cadros atípicos con clínica menos florida.

  • Mellorar o diagnóstico: ante un caso sospeitoso é necesario recoller no primeiro contacto co sistema sanitario (1) mostra de ouriños, (2) exsudado farínxeo para PCR e (3) seroloxía para detección de IgM e IgG. Os resultados deben interpretarse seguindo os algoritmos recollidos no Plan estratégico para la eliminación del sarampión y la rubeola en España.

  • Declarar os casos e previr novos contaxios: indicar medidas de illamento aéreo o antes posible cando se sospeite un caso e avisar ao Servizo de Medicina Preventiva/SAEG para que inicie o estudo de contactos e indique profilaxe de ser necesario. 

1. Pie de página_V1.png

​​​