Estes casos enmárcanse dentro dun aumento de sarampelo en todo o mundo. En Europa, dende o pasado ano 2023 declaráronse casos en varios países así coma importantes abrochos en Romanía e Austria. Do mesmo xeito, en Portugal declaráronse xa 12 casos neste ano e en España confirmáronse 18 casos ata a semana 9 (03/03/2024).
Considerarase caso sospeitoso de sarampelo a calquera doente que amose febre elevada (máis de 38°C), exantema maculopapular e alomenos un dos signos seguintes: tose, coriza ou conxuntivite. Esta situación, deberá declararse de forma urxente ao SAEG, para así establecer as medidas de control oportunas.
Para evitar novos contaxios é clave asegurar a correcta inmunización do persoal sanitario en ausencia de enfermidade/vacinación previa documentada ou cando se obteña un resultado negativo na seroloxía, posto que se considera poboación de risco. Non obstante, ante un contacto cun caso, só se debe solicitar seroloxía se a persoa ten síntomas sospeitosos. Así mesmo, a aqueles contactos susceptibles, deberá administrárselles a vacina (ou inmunoglobulina se existe contraindicación) dentro das 72h seguintes ao contacto. De non ser posible, aos contactos sanitarios recomendaráselles abandonar a atención directa a pacientes nos 21 días que seguen ao contacto.