A poboación galega está moi concienciada cos beneficios das vacinas, o cal se reflicte nunhas das coberturas vacinais máis altas do Estado. A pesar disto, mentres que na poboación infantil as coberturas achéganse ao 100% (excepto gripe), no adulto teñen un amplo marxe de mellora. Isto obsérvase especialmente nas vacinas do adulto de incorporación recente: herpes zóster (HZ) e pneumococo conxugada 20 valente (VNC20).
Os datos actuais de Galicia [Apéndice] mostran unhas coberturas fronte ao HZ nas cohortes de 65 e 80 anos moi baixas, cun 26% e 24% respectivamente. Esta cifra diminúe aínda máis na pauta completa con 2 doses, con coberturas menores ao 18%. Así mesmo, a vacina fronte ao pneumococo na idade adulta atópase por debaixo do 25%, o cal implica que as coberturas de ambas vacinas son francamente mellorables. Pola contra, nas mulleres embarazadas, obsérvanse diferencias entre as vacinas indicadas durante o seguimento do embarazo e as indicadas en campañas de vacinación poboacional. Deste xeito, mentres que a vacinación fronte a tose ferina (dTpa) ten unha boa cobertura acadando o 88%, no caso da vacina fronte á gripe non se acada o obxectivo fixado do 60%, perdendo así a oportunidade de protección tanto da nai coma do neno.
Concluíndo, é preciso un traballo conxunto de concienciación na vacinación do adulto para acadar tanto unha protección individual coma de grupo. Polo tanto, compre recordar que:
Este ano deberíanse vacinar fronte ao HZ os nados no 1959 e no 1944, recaptándose aos nados no 1958 e 1943 que non recibisen a vacina.
Na poboación xeral só se precisa administrar unha única dose de vacina VNC20V aos 65 anos.
Cada consulta, tanto en atención primaria coma hospitalaria, é unha oportunidade para recomendar as vacinas indicadas a cada persoa.