ACTUALIZACIÓN DAS RECOMENDACIÓNS DE VACINACIÓN FRONTE AO PNEUMOCOCO
O pneumococo (Streptococcus pneumoniae) é unha bacteria que posúe unha cápsula polisacárida que confire a súa virulencia e define o serotipo, existindo máis de 90 serotipos que varían en función da xeografía [1]. Habitualmente coloniza a farinxe de forma asintomática, pero pode producir unha ampla variedade de patoloxías. Entre as máis graves atopamos a pneumonía, a meninxite ou a sepse [2].
A vacinación antipneumocócica diminúe a morbimortalidade e contribúe a reducir o uso de antibióticos e as súas resistencias [2], [3]. Por isto, ao longo dos anos fóronse incluíndo novas vacinas en Galicia que melloraron a protección da poboación:
No ano 2000 iniciouse a vacinación para todas as persoas de 65 anos e para determinados grupos de risco coa vacina de polisacáridos de 23 serotipos (VNP23).
No 2011 incluíuse a vacina conxugada de 13 serotipos (VNC13) a menores nados no 2010. Posteriormente, trala súa autorización en adultos, incluíronse pacientes de risco.
No 2017 estendeuse a indicación da vacina VNC13 para todas as persoas ao cumprir 65 anos (nadas dende o 1 de xaneiro do 1952) completándose coa vacinación con VNP23 aos 66 anos de idade (pauta secuencial).
En setembro de 2020 ampliouse a vacinación con VNC13 a persoas institucionalizadas de 65 ou máis anos.
Recentemente véñense de aprobar dúas novas vacinas conxugadas VNC15 (Vaxneuvance®) e VNC20 (Apexxnar®) con 15 e 20 serotipos respectivamente. Algúns destes novos serotipos teñen especial relevancia epidemiolóxica [3]. Ademais, estas vacinas ofrecen unha inmunidade superior e de maior duración en comparación coas vacinas de polisacáridos. Así mesmo, inducen memoria inmunolóxica e inmunidade local a nivel das mucosas, polo que diminúe a colonización nasofarínxea reducindo a súa transmisión [4].
Por todo isto, a partir do 12 de xuño o Programa Galego de Vacinación actualiza a súa instrución de vacinación para persoas de 18 ou máis anos, modificando o seguinte:
Administración dunha soa dose, excepto en receptores de transplante de proxenitores hematopoéticos (TPH)
Suspensión da vacinación con VNP23.
Esta vacina permite o seu uso de forma concomitante con calquera vacina do Calendario ao longo de toda a vida e debe administrarse vía intramuscular, preferiblemente no deltoides. Podes consultar unha táboa resumo das indicacións de vacinación con VNC20 no Apéndice.
INFORMES 2022 DA REDE GALEGA DE VIXILANCIA DE VECTORES (ReGaViVec)
Os mosquitos e carrachas poden ser vectores de enfermidades se están infectados e, polo tanto, é relevante coñecer a súa presenza. Tendo en conta isto, en Galicia creouse ReGaViVec co obxectivo de coñecer a densidade, distribución espazo-temporal, grao de infestación e detectar a chegada de novos vectores ao noso territorio. Recentemente aprobouse o Plan Nacional de Vectores e publicáronse tamén os informes da ReGaViVec do ano 2022.
En relación aos mosquitos, identificáronse 8.339 dípteros con potencial interese vectorial en 64 concellos [Apéndice]:
Culícidos: son os máis frecuentes (6.200 exemplares). Do xénero Aedes non se detectou o A. albopictus (mosquito tigre) nin A. aegypti, transmisores de arboviroses (dengue, febre amarela, zika e chikungunya). Do xénero Anopheles, non se atoparon mosquitos infectados, polo que existe baixo risco de ser vector da malaria. Do xénero Culex: o máis frecuente é o mosquito común ou Culex pipiens (59% dos concellos con trampas), principal vector da febre do Nilo Occidental que actualmente non está presente en Galicia, pero si no sur de España.
Phlebotomus: detección de 2 especies posibles vectores da leishmaniose, tanto en cans coma en humanos.
Culicoides: especies con posibles implicacións veterinarias.
Como cidadáns podemos colaborar nestas tarefas mediante o uso da App Mosquito Alert, que permite notificar picaduras e lugares de cría mediante unha simple fotografía.
Con respecto ás carrachas, realizáronse 169 mostraxes identificando 171 carrachas en 50 delas. Destaca a Ixodes ricinus (maioritaria e transmisora da enfermidade de Lyme, endémica en Galicia), seguido pola Rhipicephalus sanguineus (tranmisora da febre botonosa mediterránea) e a Dermacentor reticulatus (enfermidades veterinarias). A colaboración de clínicas veterinarias e centros de recuperación de fauna silvestre, permitiu tamén a colleita de carrachas en animais (cans, gatos e fauna silvestre) con predominio de R.sanguineus e I.hexagonus (anaplasmose).
En relación as carrachas procedentes de persoas, obtivéronse 165 exemplares en 144 pacientes grazas a colaboración de 50 centros de saúde. A meirande parte das carrachas pertencen a especie I.ricinus (77%), pero destaca a detección de 3 Hyalomma marginatum na provincia de Ourense [Apéndice], posto que aínda que non estaban infectadas, son posibles vectores da febre hemorráxica Crimea-Congo. Se desexas colaborar desde o teu centro só tes que enviar un correo electrónico a regavivec@sergas.es.
ACTUALIZACIÓN DAS RECOMENDACIÓNS DE VACINACIÓN FRONTE AO PNEUMOCOCO
INFORMES 2022 DA REDE GALEGA DE VIXILANCIA DE VECTORES (ReGaViVec)