Número 1: Escabiose - Calendario de vacinación para toda a vida

Número 1: Escabiose - Calendario de vacinación para toda a vida

Image_001.jpg

VOLVE A INFORMACIÓN EPIDEMIOLÓXICA DOS VENRES

Este número ​ retoma a publicación de Venres Epidemiolóxico, que se suspendera hai case tres anos debido ao impacto que a pandemia da COVID-19 tivo nos servizos de saúde pública. A parte de cambios menores no aspecto, da actualización da pirámide de poboación que lle serve de imaxe de referencia [ver apéndice] e dun cambio na periodicidade da publicación, que pasa a ser mensual (segundo venres de cada mes), a selección de temas e o modo de tratalos continuarán a ser os mesmos que anteriormente, conforme aos principios formulados no primeiro número de Venres.

ESCABIOSE: ¿RESISTENCIA OU USO INADECUADO DO TRATAMENTO?

A sarna, ou escabiose humana, é unha enfermidade da pel producida polo ácaro Sarcoptes Scabiei variedade hominis. A súa gran capacidade de transmisión xunto a unha baixa sospeita clínica, fan que sexan frecuentes os abrochos en institucións pechadas, sobre todo en residencias de maiores.

En Galicia, os abrochos son de declaración obrigatoria e, dende o ano 2015, viñanse observando unha media anual de 8 abrochos de sarna. Durante o ano 2022, notificáronse 17 e, no que vai de ano, son xa 3 os declarados. Estes datos coinciden cun aumento observado a nivel mundial [1],[2]

Paralelamente ao aumento de casos, estase a percibir un aumento dos fracasos terapéuticos relacionados co uso de permetrina ao 5% como tratamento de primeira liña. Este fracaso pode ter unha orixe multifactorial [3][4][5]:
  • ​​​​​​​​​Erros na aplicación do tratamento (Ex.: insuficiente extensión da crema, lavado de mans antes de 8 horas ou aplicación única en lugar das dúas recomendadas).
  • Ausencia de medidas hixiénicas ambientais ou non tratamento simultáneo dos contactos, podendo levar a unha reinfestación.
  • Pacientes con mobilidade reducida ou uso de esteroides tópicos previos ao diagnóstico.

Así mesmo, o prurito residual, unha vez erradicada a infestación, pode durar ata 4-6 semanas despois de rematar o tratamento, podendo facer pensar erroneamente nun fracaso terapéutico.

Non obstante, a resistencia do ácaro á permetrina é preciso tela en conta, pero ata o momento non se atoparon estudos concluíntes que avalen esta perda de eficacia. Polo tanto, recoméndase manter a permetrina como tratamento de primeira liña e, só no caso de confirmarse enfermidade activa a pesar de non encontrar ningún erro, utilizarase o tratamento de segunda liña recomendado segundo o tipo de paciente e que se detalla no anexo II do protocolo da DXSP.

A ivermectina oral, xa comercializada en España, pode resultar útil nos abrochos extensos en institucións pechadas ou cando se prevexan dificultades para o cumprimento correcto da aplicación de tratamento tópico.

Finalmente, lembramos a importancia de que o profesional sanitario que diagnostique un caso de sarna nun paciente relacionado cunha institución pechada se poña rapidamente en contacto co SAEG para iniciar as medidas de control que eviten ou atenúen a propagación dun posible abrocho.

CALENDARIO DE VACINACIÓN PARA TODA A VIDA

O pasado 15 de setembro entrou en vigor o Calendario de vacinación ao longo de toda a vida que supón un cambio na mentalidade sobre a vacinación, xa que non se contempla só como unha estratexia infantil de vacinación senón que se visualiza como unha protección en todas as etapas da vida, desde a etapa prenatal ata a idade adulta. Ademais, introduce as seguintes novidades

Inclúese a vacina fronte ao virus do papiloma humano nos varóns de 12 anos nados a partir do 1 de xaneiro de 2010, para protexelos fronte ao cancro de pene e orofarínxeo así como para complementar a protección nas mulleres fronte ao cancro de cérvix (protección de grupo).

Así mesmo, incorpórase á vacinación fronte a meninxite B para os nenos nados a partir do 1 de setembro de 2022, 2 e 4 meses así como un recordo aos 12 meses de idade.

Inclúese a recomendación de vacinar fronte á gripe aos nenos e nenas entre os 6 e 59 meses de idade. Esta recomendación baséase na elevada carga da enfermidade e de hospitalización neste grupo de idade, así coma nas complicacións, infeccións bacterianas secundarias e consumo de antibióticos asociados. Ademais, a vacinación na infancia diminúe a enfermidade noutros grupos de idade ao reducir a transmisión dos nenos ás persoas vulnerables.

Modifícase a vacina fronte ao meningococo C, indicada aos 12 meses de idade substituíndose pola vacina tetravalente que inclúe os serotipos ACWY, para os nenos e nenas nacidos a partir do 1 de novembro de 2021.

Image_003.png 
PIRÁMIDE POBOACIONAL DE GALICIA 2012-2022

Image_004.png 
Na imaxe superior podemos observar as pirámides de poboación de Galicia do ano 2012, en azul claro no fondo, e do ano 2022, superposta en negro. Nelas represéntase a distribución por idade e sexo da poboación do noso territorio.

No eixo vertical móstranse os valores de poboación das diferentes idades, mediante o cal podemos apreciar fenómenos demográficos como o envellecemento que se está a sufrir do 2012 ao 2022, así como a redución da taxa de natalidade. A idade media dos homes pasou dos 43 anos, no 2012, aos 46 anos no 2022. No caso das mulleres, a idade media pasou dos 46 aos 49 anos. 

No eixo horizontal representase a porcentaxe de persoas que supón cada sexo segundo a súa idade, no lado esquerdo vemos a poboación masculina e no dereito a feminina. Aquí podemos observar como a porcentaxe homes e mulleres mantense practicamente igual ca no ano 2012, cun porcentaxe lixeiramente superior de homes nas idades máis xoves e un aumento paulatino da porcentaxe de mulleres conforme avanza a idade.

Pie de página.png​​