Preguntas mais frecuentes

Preguntas mais frecuentes

Protexa a súa vida e a da súa familia. Evite a intoxicación por monóxido de carbono: un veneno invisible

Cada ano, varias persoas perden a vida ou están a piques de perdela, debido ó envenenamento por monóxido de carbono ó respirar aire con alta concentración deste gas. A Dirección Xeral de Saúde Pública quere manifestar e divulgar, que o coñecemento das circunstancias nas que se pode produci-la intoxicación, e a utilización de sinxelas medidas de prevención, evitaría estes desastres.

 

Que é o monóxido de carbono?

O monóxido de carbono (fórmula química = CO) é un gas que non se pode ver nin oler. Este gas CO, prodúcese cando se queiman combustibles orgánicos: gas butano ou propano, gasolina, queroseno, gasóleo, carbón, petróleo ou madeira. As chimeneas, as caldeiras, os automóbiles ou calquera outro motor non eléctrico, e tódolos aparellos domésticos que queiman combustible, como quentadores de auga a gas, estufas, fogóns ou fornos de cociña de gas, e tamén os braseiros de leña, consumen osíxeno e producen monóxido de carbono. Nun espacio pechado e sen ventilación, cada vez haberá menos osíxeno e máis gas CO.

Nos aparellos a gas, o consumo de osíxeno e a producción de monóxido de carbono, increméntanse perigosamente cando estes queiman mal por falla dun mantemento adecuado. Nestes casos, a lapa do queimador faise cada vez máis amarela e menos azul, e pódese ve-lo charrizo no queimador.

Nunha habitación con escasa ou ningunha aireación, donde un aparello queima combustible, aumenta rapidamente a concentración de gas CO no aire, xa que a escaseza de osíxeno deste aire, provoca aínda máis producción de monóxido de carbono polo queimador do aparello, e ademais, unha vez producido non pode saír ó aire libre. Cando as persoas respiran o aire deste ambiente, o risco de intoxicación por monóxido de carbono chega ó seu punto máximo. Esta é a circunstancia máis perigosa.

 

A intoxicación por monóxido de carbono pode ser fatal

Se se respira en cantidade elevada, o gas CO pode causa-la morte por intoxicación en poucos minutos. Nos pulmóns, este gas pasa ós glóbulos roxos, ocupando alí o lugar do osíxeno que estes levan ás células de todo o organismo. A consecuencia é a asfixia destas células por falla do osíxeno necesario, impedíndose que poidan realiza-las súas funcións.

As mulleres embarazadas, os bebés, e os nenos e nenas pequenos, as persoas maiores e as que padecen de anemia, problemas do corazón ou respiratorios, son aínda máis sensibles á presencia de monóxido de carbono no aire que respiran.

Os servicios de urxencias médicas de Galicia atenden, cada ano, máis dun cento de alarmas por posibles intoxicacións debidas ó monóxido de carbono, das que se confirman unha cuarta parte delas, e das que resultan unha media anual de 3 mortes por esta causa, que serían sinxelamente evitables.

O estudio epidemiolóxico dos casos de intoxicación ocorridos nos últimos anos, detecta como factores de risco máis importantes, os seguintes:

  · A derivación anormal da saída de gases de combustión, cara outra habitación ou vivenda, ou a obstrucción desta saída por mala instalación, suciedade e descuido.

  · A presencia na habitación dun braseiro tradicional de leña.

  · O quentador de auga con queimadores en mal estado de mantemento, foi o electrodoméstico máis frecuentemente implicado.

 

Que síntomas presenta a intoxicación por monóxido de carbono?

Os síntomas son moi inespecíficos e similares ós de enfermidades comúns, como a gripe ou as intoxicacións por alimentos en mal estado.

   · A baixas concentracións no aire respirado, o gas CO pode causar falta de alento, náuseas e mareos lixeiros. 

   · Ó incrementa-la súa concentración no aire que se respira, causa dores de cabeza, mareos e náuseas intensas, confusión mental progresiva e desvanecemento, chegando a causa-la morte cando este gas séguese a respirar durante un tempo suficiente.

 

Que facer se hai síntomas de intoxicación por gas CO?

Se estando nun ambiente pechado con algún aparello de combustión encendido, comeza a doerlle a cabeza, sentir náuseas ou vomitar, nunca pense: “algo que comín sentóume mal”, ou “debo de estar collendo un gripazo”. O máis probable é que se estea intoxicando por monóxido de carbono, e polo tanto, inmediatamente:

   · Apague a fonte de combustión, abra portas e xanelas, e váiase a un lugar donde poida respirar aire fresco.

   · Chame ó 061 ou acuda directamente a un centro de urxencias próximo, dicindo que sospeita intoxicación por monóxido de carbono. Tomaranse axiña as medidas oportunas de diagnóstico e tratamento.

   · Pense na resposta ás seguintes preguntas: ¿Alguén máis na súa familia ten os mesmos síntomas?, ¿comezaron todos a ter esos síntomas ó mesmo tempo?, ¿ten vostede na súa casa algún aparello que usa combustible?, ¿alguén inspeccionou eses aparellos últimamente?, ¿está vostede seguro de que están funcionando correctamente?.

 

Resumindo: ¿como evita-la intoxicación por monóxido de carbono?

A clave está nas medidas de prevención:

  · Interésese e vixile a instalación e o mantemento adecuados dos aparellos de combustión, así como dos seus conductos de ventilación, seguindo as instruccións dos fabricantes. Ante calquera dúbida sobre o funcionamento dun aparello de combustión (quentador de auga, estufa de gas...), fágao revisar por un profesional.

  · Non é nada aconsellable a utilización de braseiros tradicionais de leña nas vivendas. De facelo, téñao ben á vista, ventile con frecuencia, e retíreo ou apágueo sempre durante as horas de sono.

  · Non encenda motores de combustible en ambientes pechados como galpóns e garaxes, corre un alto risco de intoxicarse polo gas CO.

  · En tódolos casos de utilización de aparellos de combustión en lugares pechados, manteña sempre unha ventilación adecuada. Nunca utilice o forno de gas da cociña para quenta-la súa casa, aínda que sea por pouco tempo.

  · Nunca queime carbón dentro de súa casa, aínda que sea na chimenea.

  · Nunca utilice aparellos con motores de combustible (cortadoras de herba ou maleza, motoserras, motores ou xeneradores pequenos) dentro dun cuarto pechado.