Himenópteros (abellas e avespas)

Himenópteros (abellas e avespas)

Ante as noticias aparecidas nos medios sobre picaduras de Vespa velutina queremos informarlles do seguinte:

Non todas as picaduras por avespa se deben esta especie, xa que tamén as avespas autóctonas son responsables, mesmo de casos graves.

Naqueles países nos que a velutina xa se introduciu de xeito estable (Francia), as autoridades sanitarias levaron a cabo seguimentos e avaliacións de riscos en saúde, encamiñadas a determinar se a presenza desta especie de avespa realmente xerou cambios nas tendencias e datos estatísticos rexistrados sobre picaduras e/ou episodios de agresividade fóra do normal ou de picaduras con especial efecto negativo dende o punto de vista médico-clínico. Destes estudos publicados, cabe deducir (coa prudencia debida) como conclusións o seguinte:

- Esta avespa é unha especie que non parece presentar unha especial agresividade para o home, que sería semellante á das autóctonas, mais si pode reaccionar de xeito virulento ante ameazas ou vibracións na zona de defensa do seu niño que producen unha resposta de grupo, igual que nas especies de avespas europeas. Este risco agrávase pola colonización de zonas urbanas ou próximas a zonas urbanas. En calquera caso, sexa Vespa velutina ou especies autóctonas, hai que ter especial atención nas actividades agrícolas ou forestais onde involuntariamente estas actividades poden producir perturbación nos niños e provocar o ataque das avespas.

- O rango estudado de defensa activa do avesporeiro sería similar ao das especies autóctonas (ao redor de 5 metros). Este dato de rango de defensa é importante porque non respectalo pode desencadear un ataque súbito.

- O veleno desta variedade non parece incorporar substancias de especial toxicidade, a respecto das especies europeas.

Igualmente:

- A meirande parte de persoas picadas por avespas (tamén por abellas), presentan síntomas locais, coma dor, cor avermellada e inchazón na zona de penetración do veleno, que desaparecen en varios días.

Nunha pequena proporción de afectados, nas persoas alérxicas, poden aparecer síntomas xerais, o que se coñece como reacción sistémica, coma proído xeneralizado, subida da temperatura corporal, baixada da tensión arterial, problemas respiratorios, síntomas gastrointestinais, problemas cardiovasculares, edema na gorxa (é dicir inchazón da gorxa e sensación de ter líquido nela), etc.
Nos casos de picaduras múltiples, a inoculación do veleno pode ser moi elevada e provocar, tamén, unha reacción sistémica, coma esvaecemento (lipotimia), dor de cabeza (cefalea) intensa, febre, etc, dano que pode ser importante aínda sen haber alerxia previa.

- No caso da velutina, os casos (escasos) de reaccións sistémicas producíronse en ataques masivos (picaduras múltiples), especialmente cando foron na zona da cabeza e de picaduras nas mucosas (boca, gorxa,…) e/ou de alerxia previa. Estes escenarios son moi similares aos propios das avespas europeas.

- Outro risco implícito a calquera avespa (ou abella) social deriva de que se produzan picaduras masivas e/ou estas afectasen a zonas do corpo máis comprometidas, que levasen ao bloqueo de vías respiratorias. Na práctica totalidade dos incidentes que se producen, as picaduras resultan da resposta defensiva dos insectos ante unha percepción de ameaza, como medio de defensa ante unha ameaza percibida.

- Dende o punto de vista de saúde pública, o perigo da velutina sería semellante á doutras especies de avespas autóctonas.

- Se despois do ataque dun himenóptero (velutina, avespa autóctona ou abella), observa síntomas xerais, sen perder a calma pero de xeito urxente, chame ao 061 (ou 112) ou acuda a un centro de saúde, para recibir o tratamento axeitado, pois estes síntomas son graves e poden conducir a unha reacción alérxica grave (shock anafiláctico).

- Resulta de utilidade ter descargada a APP Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 [ligazón] no dispositivo móbil, e chamar dende a APP, xa que lles permitirá a xeolocalización da chamada, se ten activado o xeolocalizador nel, e que o recurso sanitario chegue moito antes, especialmente se se atopa no campo.

- A recomendación é sobre que os avesporeiros sexan xestionados por persoal con axeitado adestramento e experiencia.

 

Dende 2013, ano da introdución da velutina no norte da provincia de Lugo e o sur da provincia de Pontevedra, o seu avance por Galicia foi imparable e xa está amplamente distribuída por case toda Galicia, aínda que a Provincia de Ourense é, polo de agora, a menos afectada.

En Galicia, hai un programa de control desta avespa, debido ao problema que supón para as abellas produtoras de mel, que se pode consultar na ligazón do lateral. Tamén se informa de a quen chamar cando se detecta un avesporeiro, mais información sobre a velutina (tríptico e cartel) e os mapas de deteccións de niños de velutina en Galicia.

http://mediorural.xunta.gal/areas/gandaria/apicultura/vespa_velutina/