O termo "abrocho" fai referencia á aparición de máis casos dunha enfermidade dos que se esperarían nun lugar e nun período de tempo determinados. Os abrochos de orixe alimentaria son aqueles causados por tóxicos ou microorganismos que poden transmitirse a través dos alimentos e/ou da auga de bebida. Constitúen un importante problema de saúde pública e requiren unha resposta inmediata para protexer a poboación e evitar novos casos.
Ante a sospeita dun abrocho, é fundamental a súa notificación urxente ao Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia (SAEG), co fin de iniciar unha investigación exhaustiva e aplicar, de ser preciso, as medidas de control necesarias. Esta investigación terá como obxectivo identificar o axente causal, determinar o alimento implicado e analizar os factores que contribuíron á súa contaminación, supervivencia ou multiplicación.
O coñecemento destes aspectos permitirá actuar sobre os puntos críticos da cadea alimentaria, previr a repetición do abrocho e reforzar a seguridade alimentaria.