Enfermidades transmitidas por carrachas

Enfermidades transmitidas por carrachas

Non todas as carrachas son transmisoras de patóxenos, deben estar infectadas cun microorganismo (bacteria, virus, rickettsia ou protozoo) e a súa vez transmitilo no momento da picadura á persoa ou animal; polo que o simple illamento do axente infeccioso nunha carracha non o converte nun vector real.

Existe certa especificidade e cada carracha transmite, no caso de estar infectada, un determinado axente patóxeno. No noso medio, as enfermidades máis importantes transmitida por este vector son:

  • A borreliose de Lyme, causada pola Borrelia burgdorferi, transmítese fundamentalmente pola Ixodes ricinus.

  • A febre exantemática mediterránea (ou botonosa mediterránea), causada pola bacteria Rickettsia conorii, transmítese fundamentalmente pola carracha do can Riphicephalus sanguineus.

  • A febre Q, causada pola Coxiella burnetii, rara vez se transmite ao home directamente a través das carrachas, aínda que estas son importantes para manter a enfermidade nas áreas endémicas.

  • A febre hemorráxica Crimea-Congo, cuxo vector principal é a carracha do xénero Hyalomma.

  • A encefalite centroeuropea, causada por un arbovirus, non se dá no noso país. Pero actualmente ten importancia no caso daquelas persoas que viaxen a países do centro e do leste de Europa ou a Rusia e que vaian estar ou traballar en zonas onde poida haber carrachas; a estas persoas recoméndaselles que se vacinen.

  • Ademais destas enfermidades, moitas outras tamén se transmiten polas carrachas, como por exemplo certas meningoencefalites, a erliquiose, a babesiose ou a tularemia.

No seguinte cadro resúmese a relación entre os axentes causantes das enfermidades vinculadas aos diferentes xéneros de carrachas e os seus hóspedes principais.

tabla.png
Principais especies de carrachas identificadas en Galicia, hospedadores e enfermidades que poderían transmitir. Fonte: Informe REGAVIVEC 2023.
​​​​​​​​​​​​​