E. Coli enterohemorráxicos

E. Coli enterohemorráxicos

O E.coli enterohemorráxico (ECEH) é un importante patóxeno que produce gastroenterite. Tamén baixo o nome de E.coli verotoxixénico (ECVT), caracterízanse por ser quen de producir as chamadas toxinas Vero ou toxinas Shiga, por ser similares ás da Shigella. O serotipo máis coñecido é o O157:H7, que é o responsable de case o 50% das infeccións en Europa.

A infección pode ser asintomática ou producir incluso a morte.  Cando se presenta clínica o síntoma máis característico é a colite hemorráxica (sen leucocitos), e mesmo cando os pacientes non comezan presentando diarrea hemorráxica rematan por presentala ata nun 50% dos casos. A forma de transmisión máis importante é a alimentaria, mais tamén acontece a transmisión persoa a persoa, especialmente en escolas infantís.

A súa importancia radica na frecuencia coa que se asocia a distintas complicacións sistémicas. Entre o 6 e o 9% das infeccións por ECEH (o 15% nos menores de 10 anos) evolucionan a síndrome hemolítica urémica (SHU), que aparece entre 5 e 10 días despois de que comezase a diarrea. Ademais a ECEH é a principal causa da SHU en nenos, que a súa vez é unha causa importante de insuficiencia renal nesta poboación.

Debido a isto considerouse preciso elaborar un protocolo de vixilancia e control en Galicia, que pendura nunha das ligazóns de embaixo, nas que tamén se atopa un documento de 2006 sobre a epidemioloxía, clínica e o control do E. coli O157:H7.

En Galicia, e como xeito complementario da vixilancia dos ECEH, vixíase, ademais, a SHU, a través dos datos procedentes do Conxunto Mínimo de Datos de altas Hospitalarias (CMBD-AH), da que tamén se poden ver os informes nas ligazóns  desta páxina.