O proxecto Comedores responsables KM0, busca conectar os comedores escolares e outras colectividades cos produtores de proximidade, fortalecer as canles curtas de abastecemento e consolidar redes estables de provedores locais. Tamén prevé recoñecer os comedores que cumpran os requisitos establecidos en materia de compra responsable e de utilización de produtos de proximidade.
Trátase dun proxecto de cooperación que une territorio, persoas e produción local. Desenvolvido entre 2025 e 2027 e coordinado pola Asociación Terras de Compostela, reúne a oito Grupos de Desenvolvemento Rural de toda Galicia, representando 86 concellos e máis dun cuarto da poboación galega.
QUE ACCIÓNS SE ESTAN A DESENVOLVER?
Formacións específicas para equipos de cociña e responsables de comedores, centradas na incorporación de produto local, planificación de menús, nutrición e adaptación ás novas esixencias normativas.
Formacións dirixidas a produtores e produtoras locais, para facilitar a súa adaptación ás necesidades da restauración colectiva, mellorando aspectos relacionados coa comercialización, loxística, trazabilidade e subministración.
Encontros locais en cada territorio, nos que participan centros educativos, residencias, produtores, administracións e outros axentes clave, co obxectivo de identificar necesidades e oportunidades de colaboración.
Mapeado do tecido produtivo local, elaborando bases de datos actualizadas de produtores e produtoras capaces de abastecer aos comedores de proximidade.
Dinamización individualizada de centros e provedores, acompañando aos distintos participantes na incorporación progresiva de alimentos de proximidade aos seus menús e sistemas de compra.
Procura de axentes intermedios e solucións loxísticas, para facilitar a conexión entre a oferta produtiva e a demanda dos comedores colectivos.
Entrega de materiais divulgativos e de apoio, destinados tanto aos centros participantes como aos produtores, contribuíndo á sensibilización sobre alimentación sostible e consumo responsable.
Encontros territoriais e un encontro final de carácter galego, nos que se compartirán experiencias, boas prácticas e os resultados acadados ao longo do proxecto.
Distinción KM 0, un selo de recoñecemento que identifica aquelas colectividades que apostan por un modelo de alimentación baseado nos produtos locais, de tempada e de proximidade, cumprindo os estándares establecidos polo programa.