Cancros previdos polo condón

Cancros previdos polo condón

VPH

Segundo a OMS, a infección polo virus do papiloma humano (VPH) é a infección vírica de transmisión sexual máis frecuente. Hai máis de 100 tipos de VPH dos que, polo menos 14, son de alto risco oncoxénico (alto risco de producir cancro) (VPH-AR). Os tipos 16 e 18, son os responsables da maioría das lesións precancerosas cervicouterinas producidos por VPH. O Centro de Control de Enfermidades (CDC) estima que o 80-90% das persoas sexualmente activas infectaranse por algún tipo de VPH algunha vez na súa vida. A maioría das infeccións por VPH-AR non producen síntomas e desaparecen nun ou dous anos sen causar cancro. Outras, en cambio, poden persistir durante anos e producir cambios celulares que, se non se tratan, poden evolucionar a cancro.

Cancros producidos polo VPH:

- Cancro de ano: o 95% dos cancros de ano son producidos polo VPH.
- Cancro de orofarinxe (gorxa, padal brando, base da língua e amígdalas): Preto do 70% destes cancros están provocados polo VPH.
- Cancro de pene: 35% causado polo VPH.

Os factores que aumentan as probabilidades de que unha infección por VPH-AR persista e evolucione a cancro son:

- Fumar
- Ter un sistema inmunitario debilitado
- Hixiene bucal deficiente
- Inflamación crónica

 

VIH

A palabra sida significa síndrome de inmunodeficiencia adquirida e representa a última etapa da infección polo VIH. Este virus produce a destrución progresiva do sistema inmunitario, e en ausencia de tratamento, provoca a aparición de enfermidades indicativas de sida (EIS).

Cancros que son enfermidades indicativas de sida en persoas seropositivas:

- Sarcoma de Kaposi
- Linfoma primario de cerebro
- Linfoma de Burkitt (ou equivalente)
- Linfoma inmunoblástico (ou equivalente)

Os factores que aumentan as probabilidades de evolucionar a sida son:

- Retraso diagnóstico da infección polo VIH
- Mala adherencia ao tratamento antirretroviral (non tomar axeitadamente o tratamento)
- Adquirir cepas de VIH resistentes ou multirresistentes a fármacos antirretrovirais
- Erros de dosificación
- A potencia do tratamento antirretroviral
- A barreira xenética
- Interaccións farmacocinéticas

 

VHB

A hepatite B é unha infección hepática potencialmente mortal causada polo virus da hepatite B (VHB). Pode causar hepatopatía crónica e implica risco de morte por cirrose e cancro hepático. Menos do 5% das persoas sanas que se infectan en idade adulta sufrirán infección crónica e, entre un 20% e un 30% dos adultos que padecen unha infección crónica sufrirán cirrose e/ou cancro de fígado.

O factor máis importante para a aparición de cancro hepático por VHB é o grao de replicación (multiplicación) do VHB.

 

VHC

O VHC pode causar unha infección hepática, tanto aguda como crónica, cuxas manifestacións poden variar entre unha dolencia leve e unha enfermidade grave de por vida. A hepatite aguda sen tratamento evoluciona á cronicidade nun 55-85% dos casos e pode desembocar en cirrose, insuficiencia hepática e hepatocarcinoma (cancro de fígado).

Os factores que aumentan a probabilidade de progresión da infección por VHC son:

- Uso continuo de drogas intravenosas
- Abuso de alcohol
- Obesidade
- Esteatose
- Idade avanzada
- Factores xenéticos
- Coinfección co VIH