ACTIVAGE Galicia arrinca hoxe a súa fase piloto no showroom tecnolóxico da Corporación Televés

ACTIVAGE Galicia arrinca hoxe a súa fase piloto no showroom tecnolóxico da Corporación Televés

Mércores, 15/11/2017
 
A primeira proba piloto prevista no plan de traballo de ACTIVAGE Galicia realizouse no showroom tecnolóxico da Corporación Televés, nas instalacións centrais da compañía en Santiago de Compostela.
O arranque da fase de pilotaxe realizouse utilizando unha contorna simuladora que representa unha vivenda tipo, na cal se realizaron diferentes probas orientadas a validar a correcta integración do equipamento despregado no fogar (sensores, actuadores, rexistros, etc.) contra os sistemas de información e xestión do SERGAS e da Cruz Vermella. En fases posteriores do proxecto, realizaronse pilotos con usuarios reais nas súas vivendas habituais, co obxectivo de alcanzar 700 fogares en Galicia no prazo de 2 anos, para o que xa se traballa na selección de usuarios no ámbito social e sociosanitario, e na definición de modelos formativos.
O sentido destes traballos é avanzar cara solucións de telecuidado no fogar e na detección temperá dos riscos asociados ao envellecemento e o deterioro cognitivo, a través da análise das rutinas de conduta e o seguimento de pacientes crónicos. Os resultados que se obteñan servirán tamén para construír unha rede social dixital con vídeo-comunicación entre persoas maiores para evitar o illamento e a soidade, e un sistema de seguimento de pacientes crónicos ou pre-crónicos.
A visión de ACTIVAGE é ser un referente global para demostrar que ecosistemas estandarizados, seguros e interoperables facilitan novos modelos de negocio e solucións efectivas para  promover o envellecemento activo e saudable, sendo un catalizador para o investimento coordinado de recursos públicos e privados, impulsando a demanda de servizos e a competitividade da industria a través da innovación.
Tecnoloxía aberta baseada na Internet das cousas
ACTIVAGE é unha gran iniciativa de I D i baseada nas tecnoloxías da información que ten por obxecto desenvolver solucións baseadas na Internet das Cousas que fagan sustentable o novo modelo demografico producido polo aumento da esperanza de vida, promovendo un envellecemento activo e saudable. Está apoiada polo Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea Horizonte 2020, e conta cun orzamento de 25,3 millóns de euros e un prazo de execución de 42 meses.
Deste xeito, 50 entidades de toda Europa traballan de xeito conxunto para construír un ecosistema interoperable e aberto para o despregamento de solucións tecnolóxicas que incrementarán a seguridade das persoas maiores, favorecerán o mantemento da súa independencia e a súa participación social, e reducirán o impacto negativo das enfermidades crónicas e o deterioro cognitivo. Así mesmo, a creación da plataforma impulsará no futuro o desenvolvemento de novos servizos e oportunidades de negocio no ámbito do chamado Smart Living.
Para alcanzar as metas propostas, puxéronse en marcha nove centros de desenvolvemento (deployment sites) en Grecia, Emilia Romagna (Italia), Isère (Francia), Woquaz (Alemaña), Leeds (Gran Bretaña), Finlandia, Comunidade Valenciana, Madrid e Galicia. En cada unha das rexións realizaranse probas piloto innovadoras e de gran escala nas que, en conxunto, participarán uns 7.200 usuarios e máis de 43.000 dispositivos da Internet das Cousas.
ACTIVAGE Galicia está liderado por Televés e conta coa participación da Cruz Vermella Española, Fundación Vodafone España, Universitat Politècnica de Valencia e do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Conta tamén coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), como membro do Advisory Board, e Fundación Tecsos como asesor en tecnoloxías sociais. O pasado mes de xullo o consorcio asinou un convenio coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para colaborar na definición dos criterios de selección de usuarios  e facilitar a súa participación nas probas piloto.