Obxectivos

Obxectivos

Os obxectivos de formación han de expresar os obxectivos de aprendizaxe dos asistentes. É un erro frecuente, incluír propósitos da institución ou posibles beneficios para ela derivados da formación. Esta información é máis adecuada incluíla no apartado onde se desenvolve a pertinencia.
 
Unha sinxela procura na internet, mostrará información útil para redactar correctamente obxectivos de aprendizaxe.
 
Un aspecto particular dos obxectivos da formación a distancia, do mesmo xeito que no caso do título, é que non poden referirse a competencias profesionais cun compoñente psicomotriz importante, por exemplo, suturar feridas. Na formación a distancia, poderase adquirir coñecementos sobre as suturas, pero a mellora ou dominio desta competencia, só poderá adquirirse mediante formación presencial con profesores, recursos e metodoloxía adecuada.
 
OBXECTIVO/S XERAL/IS.
 
Deben ser poucos en número, o ideal un ou dous por actividade docente, e fan referencia á aprendizaxe global que se espera do alumno. Céntranse nas grandes liñas ou conceptos nos que se quere formar. Xeralmente comezan con verbos como aprender, saber, actualizar, coñecer?que denotan procesos mentais non observables directamente.
 
Deben gardar coherencia co contido da pertinencia da formación que se quere impartir e acreditar. Así mesmo o título da actividade debe vincularse claramente cos obxectivos xerais da actividade.
 
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS.
 
Deben ser formulados en termos máis concretos que os obxectivos xerais e deben estar claramente vinculados a eles. Non debe existir ningún obxectivo xeral sen os seus específicos e viceversa.
 
Utilízanse verbos cuxa acción é observable: sinalar, definir, clasificar, identificar, manobrar, presionar, indicar, inserir, etc.
 
  • De coñecementos: analizar, describir, enumerar, explicar, lembrar, relacionar, resumir, identificar.
  • De habilidades: aplicar, construír, demostrar, elaborar, experimentar, facer funcionar, manexar, usar, utilizar, planificar...
  • De actitudes: aceptar, apreciar, comportarse, preferir, respectar, sentir, tolerar, valorar...
 
O obxectivo é algo máis que un contido, necesita a acción, o verbo. Todos os obxectivos específicos deben ter reflexo no contido do programa.
 
O número de obxectivos debe ser tal que sexa posible alcanzarse co tempo de formación e o tipo de obxectivos proposto, de coñecementos, actitudes e habilidades, debe ser adecuado coa metodoloxía e co número de participantes.
 
Valórase positivamente a existencia de obxectivos de habilidades e de integración de coñecementos, actitudes e habilidades, é dicir, aqueles que se dirixen a alcanzar unha competencia profesional.
 
A media das cualificacións dos evaluadores neste apartado, multiplícase polo factor de ponderación 1