Finalidade
O Consello de Bioética de Galicia configúrase como un órgano colexiado de carácter permanente, consultivo, interdisciplinar e independente que ten como finalidade asesorar, nos aspectos éticos da práctica sanitaria do Sistema de Saúde de Galicia, as entidades, organizacións e institucións de carácter sanitario, tanto públicas como privadas, e ser foro de referencia do debate bioético na sociedade galega.
Funcións O Consello de Bioética de Galicia ten como funcións:
- Asesorar en materia de bioética á Administración sanitaria e os/as profesionais da saúde.
- Elaborar os informes que sobre cuestións de bioética lle sexan solicitados pola persoa titular da Consellería de Sanidade e presentar as propostas ou recomendacións que sobre a mesma materia considere procedentes.
- Ser o órgano de referencia en materia de bioética dos comités de ética asistencial.
- Elaborar informes sobre os proxectos normativos relacionados coa bioética.
- Colaborar na elaboración e harmonización de procedementos e protocolos referidos a cuestións bioéticas.
- Promover, no ámbito sanitario, a formación e a consideración da bioética como criterio de calidade e boa práctica profesional.
- Contribuír á información e favorecer o debate da cidadanía sobre as dimensións éticas e sociosanitarias da práctica asistencial.
- Calquera outra que lle fose encomendada pola persoa titular da Consellería con competencias en materia de sanidade.