Programa de mellora da adherencia terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación (spd)

Programa de mellora da adherencia terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación (spd)

Cartel.jpg



 
Dentro do Programa de mellora da calidade da atención ao paciente crónico polimedicado e en colaboración cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, desenvólvese o Programa de mellora da adherencia terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación (SPD).
O envellecemento da poboación leva aparellado un aumento das enfermidades crónicas e como consecuencia, a polimedicación e os problemas relacionados cos medicamentos. Por outra banda, a falta de adherencia é un problema relevante e prevalente, cunha elevada porcentaxe de pacientes que non toma correctamente a súa medicación dando lugar a fracaso terapéutico, ineficiencia, aumento das visitas á urxencias e ingresos hospitalarios, entre outros.
Para axudar na abordaxe destes dous problemas, entre as funcións das oficinas de farmacia está a de facilitar SPD aos/ás pacientes unha vez os medicamentos foron dispensados. Enténdese por preparación e entrega de SPD, o conxunto de actuacións farmacéuticas que, tras a dispensación dos medicamentos, consisten en reacondicionar para un período de tempo determinado todos ou parte dos medicamentos dispensados en dispositivos de dosificación personalizados, así como en facilitar ao/á paciente unha adecuada información, co fin de mellorar o cumprimento do tratamento farmacoterapéutico e de previr e resolver os problemas relacionados cos medicamentos.
Concretamente, os SPD son uns dispositivos cunha serie de compartimentos onde se distribúe a medicación que ten que tomar o paciente durante un tempo determinado.
Para formar parte deste novo programa, as oficinas de farmacia colaboradoras, como establecementos sanitarios sometidos a control e autorización sanitaria, deben estar previamente habilitadas para ofrecer o servizo, o que supón cumprir os requisitos e condicións especificados na normativa correspondente.
Esta nova prestación está dirixida a pacientes de idade avanzada (75 anos ou máis), polimedicados (10 ou máis medicamentos crónicos), con problemas de adherencia terapéutica ou dificultade para o uso correcto dos medicamentos, e que vivan sos/as ou non dispoñan de rede de apoio sociofamiliar para conseguir un tratamento adecuado.
O candidato ao servizo será derivado a unha primeira consulta co/a seu/súa enfermeiro/a ou farmacéutico/a de atención primaria que valorarán o cumprimento dos requisitos necesarios para ser beneficiario. Posteriormente, o/a farmacéutico/a de atención primaria e o/a médico/a de familia revisarán o tratamento en conxunto, e o paciente recollerá os SPD cada dúas semanas na oficina de farmacia que elixa dentro da zona farmacéutica na que reside.
Coa implantación deste programa preténdese mellorar a adherencia terapéutica e garantir a eficacia e seguridade dos tratamentos, conseguindo de este xeito unha maior calidade de vida dos pacientes.