Estratexia de xestión do cancro en Galicia

Estratexia de xestión do cancro en Galicia

Portada_estratexia.png

A Estratexia da xestión do cancro en Galicia presentouse o pasado 31 de outubro de 2022. Esta folla de ruta para os próximos 6 anos (aplicarase entre 2022-2028) nace do traballo de máis dun ano coa colaboración de máis de 50 profesionais do Servizo galego de Saúde e da Consellería de Sanidade.
 
O obxectivo principal da estratexia é que menos galegos e galegas enfermen de cancro e que máis galegos e galegas sobrevivan ao cancro se o padecen.
Para conseguir esta gran meta, contémplanse primeiro os resultados finais a conseguir, e a posteriori as 65 intervencións a implementar.
 
As necesidades dos pacientes pivotan sobre esta estratexia, pretendendo mellorar a información que reciben, acelerar a fase de diagnóstico, aumentar a súa capacidade de decisión e favorecer a equidade no acceso ás técnicas e tratamentos especializados e innovadores.
 
No ámbito asistencial incorpora innovación clínica-asistencial, tecnolóxica, organizativa e de xestión, destacando rutas asistenciais axustadas aos diferentes tipos de cancro, á innovación coa medicina de precisión, personalizada e novas terapias, así como o fortalecer estruturas de coordinación. A atención primaria tamén xogará un importante papel.
 
A Saúde Pública de Galicia é tamén protagonista. O desenvolvemento de todo o seu potencial preventivo do cancro mediante a promoción da saúde, o control dos factores de risco e a detección precoz cos cribados poboacionais e tamén mellorando a capacidade de vixilancia, monitorización e avaliación.
 
É un documento Estratéxico porque inclúe:
  • Un diagnóstico organizado do cancro con datos de situación en Galicia.
  • Os resultados para lograr en cancro para Galicia.
  • Áreas de focalización para intervir en cancro.

 

É un documento de xestión porque inclúe:
  • 65 intervencións para enfrontar o cancro en Galicia agrupadas en 8 áreas de focalización.
  • Incorpora innovación clínica-asistencial, tecnolóxica, organizativa e de xestión.
  • Describe un proceso de implementación organizado en 3 fases cronolóxicas para o avance.