1.
Á Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral,
correspóndelle, como órgano de apoio da persoa titular da
Secretaría Xeral Técnica, o exercicio das seguintes funcións:
a)
O apoio na xestión e o seguimento e coordinación das distintas
unidades da Consellería, dos servizos administrativos do Servizo
Galego de Saúde e demais entidades adscritas, así como a
elaboración de estudos e propostas nas materias de estrutura,
organización e deseño de procedementos administrativos, tanto nos
servizos centrais coma periféricos.
b)
Prestar asistencia técnica, xurídica e administrativa á persoa
titular da Secretaría Xeral Técnica en todos os asuntos que esta
lle encomende.
c)
Substituír a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos
supostos previstos no artigo 13.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do
réxime xurídico do sector público.
d)
A coordinación normativa da Consellería e do Servizo Galego de
Saúde, e o exame e seguimento dos proxectos normativos do ministerio
competente en materia de sanidade e da normativa sanitaria deste e
das comunidades autónomas, así como dos proxectos normativos das
demais consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma
de Galicia.
e)
A coordinación dos asuntos da Comisión Delegada e do Consello
Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e de asuntos dos
órganos de participación nas institucións da Unión Europea que
non estean expresamente asignados a outras unidades da Consellería
ou do Servizo Galego de Saúde.
f)
A coordinación das publicacións da Consellería e do Servizo Galego
de Saúde e da información estatística.
g)
A coordinación dos asuntos que deben someterse á consideración do
Consello da Xunta de Galicia e da Comisión de Secretarios/as Xerais
Técnicos/as.
h)
A coordinación, xestión e seguimento dos procedementos en materia
de transparencia e bo goberno ou de acceso á información pública,
a resposta aos requirimentos e peticións do/da Defensor/a do Pobo ou
do/a Valedor/a do Pobo, así como os derivados da garantía da
calidade dos servizos públicos e da boa administración.
i)
A promoción de acordos, programas, convenios e consorcios con
institucións españolas e estranxeiras, que teñan por obxecto a
mellora dos servizos bibliotecarios e o mellor aproveitamento dos
recursos de información.
j)
A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de
orzamentos da Consellería e o seguimento e o control interno da
execución orzamentaria, así como das modificacións orzamentarias.
k)
A supervisión da xestión dos expedientes de contratación
administrativa.
l)
A coordinación en materia de políticas de prevención de riscos
laborais, no ámbito do persoal da Consellería.
m)
Aqueloutras que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan
asignadas ou delegadas.
2.
A Vicesecretaría Xeral contará, para o cumprimento destas
competencias, coa seguinte estrutura:
2.1.
Servizo de Publicacións e Bibliosaúde, ao que lle corresponderá
a realización das seguintes funcións:
a)
A xestión e coordinación das publicacións da Consellería e a súa
tramitación ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de
Galicia, para a súa aprobación.
b)
A elaboración do plan editorial da Consellería e dos entes
adscritos, e a súa presentación ante o Consello Coordinador de
Publicacións, para a súa aprobación, así como a actualización e
mantemento do Catálogo en rede das publicacións editadas pola
Consellería e entes adscritos.
c)
A representación da Consellería e do Servizo Galego de Saúde na
Comisión Permanente de Publicacións e no Consello Coordinador de
Publicacións da Xunta de Galicia, así como o control do
cumprimento, nos distintos departamentos, dos acordos que en ambos se
tomen.
d)
A tramitación do depósito legal das publicacións que estean
obrigadas a levalo, ante as oficinas provinciais de Depósito legal
de Galicia, así como a xestión do ISBN e/ou ISSN.
e)
O asesoramento técnico e apoio en calquera dos procesos de edición,
aos departamentos da Consellería e entes adscritos que así o
requiran.
f)
A coordinación, como órgano estatístico sectorial da Consellería
de Sanidade entre o Instituto Galego de Estatística (IGE) e as
unidades administrativas responsables das operacións e actividades
estatísticas da Consellería, recollidas nos programas estatísticos
anuais (PEA).
g)
Facilitar información e documentación científica de calidade en
apoio á toma de decisións clínicas en asistencia sanitaria, á
investigación en saúde e á política e xestión dos programas de
saúde.
h)
Crear, xestionar e conservar coleccións bibliográficas e
documentais, en calquera soporte, así como catálogos e repositorios
que satisfagan as necesidades de información dos/das profesionais da
Consellería de Sanidade e entes adscritos.
i)
Xerar servizos con valor engadido, a partir da análise de
información e da produción científica colaborando nos procesos de
creación do coñecemento na Consellería de Sanidade e entes
adscritos e especialmente na publicación e difusión dos resultados
dos ditos procesos.
j)
Facilitar e promover a alfabetización informacional dos/das
profesionais da Consellería de Sanidade e entes adscritos no uso dos
recursos de información e servizos de Bibliosaúde, así como
promover a formación continuada do persoal das bibliotecas.
k)
Organizar e promover actividades e publicacións que contribúan á
difusión e ao fomento dos seus recursos de información.
l)
Facilitar aos/ás profesionais o acceso á información doutras
bibliotecas e servizos de documentación, así como facilitar ao
resto de bibliotecas e servizos de documentación, o acceso aos
fondos e servizos de Bibliosaúde, coas normas e requisitos que se
establezan para cada tipo de prestación.
m)
En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan
asignadas.
Sen
prexuízo das competencias que lle correspondan á Comisión Técnica
Asesora de Bibliosaúde, a coordinación do exercicio das funcións
relacionadas nas letras g) a l) corresponderá a unha persoa
encargada da coordinación da biblioteca que dependerá
funcionalmente da vicesecretaría xeral.
2.2.
Servizo de Xestión de Persoal.
Correspóndelle
a realización das seguintes funcións:
a)
O desenvolvemento da xestión do persoal adscrito aos servizos
centrais da Consellería de Sanidade que teña a condición de
empregado público incluído no ámbito de aplicación da normativa
de emprego público de Galicia, o que inclúe o seguinte:
1º.
A tramitación das solicitudes de licenzas, permisos, vacacións e
flexibilidade horaria.
2º.
O control da asistencia e o cumprimento horario do persoal, en
colaboración coas persoas responsables das distintas unidades.
3º.
A xestión organizativa dos postos das diferentes unidades motivada
polos cambios da relación de postos de traballo e dos decretos de
estrutura, así como pola incorporación de novo persoal.
b)
O mantemento e actualización do rexistro do persoal a que se refire
a letra anterior e a organización, custodia e arquivo dos seus
expedientes.
c)
A confección das relacións de postos de traballo da Consellería
competente en materia de Sanidade e a coordinación das do Servizo
Galego de Saúde.
d)
A xestión e a tramitación da nómina do persoal.
e)
O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do
capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación
de crédito.
f)
A realización dos trámites e informes que procedan en relación
coas solicitudes de compatibilidade formuladas polo persoal empregado
público da Consellería.
g)
A elaboración dos acordos, resolucións ou actos administrativos
relativos á execución de sentenzas que se diten en materia de
persoal.
h)
Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan
encomendadas.
2.3.
Servizo Económico-Administrativo.
Correspóndelle
a este servizo a realización das seguintes funcións:
a)
A elaboración, en coordinación cos órganos afectados, do
anteproxecto de orzamentos da Consellería.
b)
A tramitación dos expedientes de modificación dos créditos
consignados no orzamento de gastos da Consellería e as solicitudes
de superación de límites de gastos plurianuais.
c)
A xestión e tramitación de expedientes de gasto que se tramiten con
cargo ao orzamento da Consellería.
d)
A tramitación económico-administrativa dos expedientes de
contratación da Consellería, así como dos recursos que se
interpoñan en relación aos ditos expedientes.
e)
A elaboración de informes e memorias nesta materia que lle sexan
solicitados.
f)
Calquera outra función análoga que, por razón da súa competencia,
lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral Técnica.