A Vicesecretaría Xeral

A Vicesecretaría Xeral



  • 1. Á Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndelle, como órgano de apoio da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, o exercicio das seguintes funcións:


    a) O apoio na xestión e o seguimento e coordinación das distintas unidades da Consellería, dos servizos administrativos do Servizo Galego de Saúde e demais entidades adscritas, así como a elaboración de estudos e propostas nas materias de estrutura, organización e deseño de procedementos administrativos, tanto nos servizos centrais coma periféricos.


    b) Prestar asistencia técnica, xurídica e administrativa á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica en todos os asuntos que esta lle encomende.


    c) Substituír a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos supostos previstos no artigo 13.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.


    d) A coordinación normativa da Consellería e do Servizo Galego de Saúde, e o exame e seguimento dos proxectos normativos do ministerio competente en materia de sanidade e da normativa sanitaria deste e das comunidades autónomas, así como dos proxectos normativos das demais consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.


    e) A coordinación dos asuntos da Comisión Delegada e do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e de asuntos dos órganos de participación nas institucións da Unión Europea que non estean expresamente asignados a outras unidades da Consellería ou do Servizo Galego de Saúde.


    f) A coordinación das publicacións da Consellería e do Servizo Galego de Saúde e da información estatística.


    g) A coordinación dos asuntos que deben someterse á consideración do Consello da Xunta de Galicia e da Comisión de Secretarios/as Xerais Técnicos/as.


    h) A coordinación, xestión e seguimento dos procedementos en materia de transparencia e bo goberno ou de acceso á información pública, a resposta aos requirimentos e peticións do/da Defensor/a do Pobo ou do/a Valedor/a do Pobo, así como os derivados da garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.


    i) A promoción de acordos, programas, convenios e consorcios con institucións españolas e estranxeiras, que teñan por obxecto a mellora dos servizos bibliotecarios e o mellor aproveitamento dos recursos de información.


    j) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería e o seguimento e o control interno da execución orzamentaria, así como das modificacións orzamentarias.


    k) A supervisión da xestión dos expedientes de contratación administrativa.


    l) A coordinación en materia de políticas de prevención de riscos laborais, no ámbito do persoal da Consellería.


    m) Aqueloutras que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas.


    2. A Vicesecretaría Xeral contará, para o cumprimento destas competencias, coa seguinte estrutura:


    2.1. Servizo de Publicacións e Bibliosaúde, ao que lle corresponderá a realización das seguintes funcións:


    a) A xestión e coordinación das publicacións da Consellería e a súa tramitación ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia, para a súa aprobación.

    b) A elaboración do plan editorial da Consellería e dos entes adscritos, e a súa presentación ante o Consello Coordinador de Publicacións, para a súa aprobación, así como a actualización e mantemento do Catálogo en rede das publicacións editadas pola Consellería e entes adscritos.

    c) A representación da Consellería e do Servizo Galego de Saúde na Comisión Permanente de Publicacións e no Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia, así como o control do cumprimento, nos distintos departamentos, dos acordos que en ambos se tomen.

    d) A tramitación do depósito legal das publicacións que estean obrigadas a levalo, ante as oficinas provinciais de Depósito legal de Galicia, así como a xestión do ISBN e/ou ISSN.

    e) O asesoramento técnico e apoio en calquera dos procesos de edición, aos departamentos da Consellería e entes adscritos que así o requiran.

    f) A coordinación, como órgano estatístico sectorial da Consellería de Sanidade entre o Instituto Galego de Estatística (IGE) e as unidades administrativas responsables das operacións e actividades estatísticas da Consellería, recollidas nos programas estatísticos anuais (PEA).

    g) Facilitar información e documentación científica de calidade en apoio á toma de decisións clínicas en asistencia sanitaria, á investigación en saúde e á política e xestión dos programas de saúde.

    h) Crear, xestionar e conservar coleccións bibliográficas e documentais, en calquera soporte, así como catálogos e repositorios que satisfagan as necesidades de información dos/das profesionais da Consellería de Sanidade e entes adscritos.

    i) Xerar servizos con valor engadido, a partir da análise de información e da produción científica colaborando nos procesos de creación do coñecemento na Consellería de Sanidade e entes adscritos e especialmente na publicación e difusión dos resultados dos ditos procesos.

    j) Facilitar e promover a alfabetización informacional dos/das profesionais da Consellería de Sanidade e entes adscritos no uso dos recursos de información e servizos de Bibliosaúde, así como promover a formación continuada do persoal das bibliotecas.

    k) Organizar e promover actividades e publicacións que contribúan á difusión e ao fomento dos seus recursos de información.

    l) Facilitar aos/ás profesionais o acceso á información doutras bibliotecas e servizos de documentación, así como facilitar ao resto de bibliotecas e servizos de documentación, o acceso aos fondos e servizos de Bibliosaúde, coas normas e requisitos que se establezan para cada tipo de prestación.

    m) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

    Sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Comisión Técnica Asesora de Bibliosaúde, a coordinación do exercicio das funcións relacionadas nas letras g) a l) corresponderá a unha persoa encargada da coordinación da biblioteca que dependerá funcionalmente da vicesecretaría xeral.


    2.2. Servizo de Xestión de Persoal.


    Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

    a) O desenvolvemento da xestión do persoal adscrito aos servizos centrais da Consellería de Sanidade que teña a condición de empregado público incluído no ámbito de aplicación da normativa de emprego público de Galicia, o que inclúe o seguinte:

    1º. A tramitación das solicitudes de licenzas, permisos, vacacións e flexibilidade horaria.

    2º. O control da asistencia e o cumprimento horario do persoal, en colaboración coas persoas responsables das distintas unidades.

    3º. A xestión organizativa dos postos das diferentes unidades motivada polos cambios da relación de postos de traballo e dos decretos de estrutura, así como pola incorporación de novo persoal.

    b) O mantemento e actualización do rexistro do persoal a que se refire a letra anterior e a organización, custodia e arquivo dos seus expedientes.

    c) A confección das relacións de postos de traballo da Consellería competente en materia de Sanidade e a coordinación das do Servizo Galego de Saúde.

    d) A xestión e a tramitación da nómina do persoal.

    e) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación de crédito.

    f) A realización dos trámites e informes que procedan en relación coas solicitudes de compatibilidade formuladas polo persoal empregado público da Consellería.

    g) A elaboración dos acordos, resolucións ou actos administrativos relativos á execución de sentenzas que se diten en materia de persoal.

    h) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan encomendadas.


    2.3. Servizo Económico-Administrativo.

    Correspóndelle a este servizo a realización das seguintes funcións:

    a) A elaboración, en coordinación cos órganos afectados, do anteproxecto de orzamentos da Consellería.

    b) A tramitación dos expedientes de modificación dos créditos consignados no orzamento de gastos da Consellería e as solicitudes de superación de límites de gastos plurianuais.

    c) A xestión e tramitación de expedientes de gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Consellería.

    d) A tramitación económico-administrativa dos expedientes de contratación da Consellería, así como dos recursos que se interpoñan en relación aos ditos expedientes.

    e) A elaboración de informes e memorias nesta materia que lle sexan solicitados.

    f) Calquera outra función análoga que, por razón da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral Técnica.