Programas zero nas unidades de críticos de Galicia

Programas zero nas unidades de críticos de Galicia

Portada_zero.png



O Ministerio de Sanidade, no marco da Estratexia de Seguridade do paciente, puxo en marcha xunto coas Comunidades Autónomas, programas para a prevención das infeccións asociadas á asistencia sanitaria nas unidades de críticos co liderado das sociedades científicas, Sociedade Española de Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias (SEMICYUC) e da Sociedade Española de Enfermería Intensiva e Unidades Coronarias (SEEIUC).
 
Estes programas iniciáronse no ano 2009 co programa Bacteriemia Zero, cuxo obxectivo é diminuír as bacteriemias relacionadas cos catéteres venosos centrais. Posteriormente, no ano 2011 introduciuse o programa Pneumonía Zero, para diminuír as taxas de pneumonías relacionadas coa ventilación mecánica. No 2014, iniciouse o programa Resistencia Zero, cuxo obxectivo é diminuír un 20% as taxas de pacientes nos que se identifica unha ou máis bacteria multirresistente (BMR) de orixe nosocomial intra-UCI e finalmente, no 2018, incluíuse o programa ITU Zero que trata de reducir a  incidencia da infección do tracto urinario asociada a sondaxe uretral.
Para poder lograr estes obxectivos incluíronse paquetes de medidas nos diferentes programas, unhas de obrigado cumprimento, outras opcionais e algunhas de “non facer”. Pero estas medidas por si soas non son suficientes, senón que deben ir asociadas a uns Plans de Seguridade Integral nas unidades de críticos. Para iso é importante o avaliar a cultura de seguridade, a formación do persoal en seguridade ao paciente, o identificar erros na práctica habitual, o establecemento de alianzas coa dirección e todo iso encamiñado á aprendizaxe dos erros e á mellora continua.
 
Por mor da pandemia do COVID-19, que supuxo unha gran presión asistencial no Unidades de Críticos, que aumentou o tempo de estancia media dos pacientes así como a mortalidade intra-UCI, os estándares disparáronse e a participación nestes programas decaeu. Na actualidade, obsérvase unha diminución das taxas, pero sen alcanzar aínda os valores conseguidos en 2019.
 
Estamos nun momento no que se necesita dar un impulso a estes proxectos, polo cal  consideramos realizar un Plan de Acción para a Reactivación dos Proxectos Zero nas Unidades de Críticos de Galicia, incidindo na cultura de seguridade así como no cumprimento das medidas que refire cada proxecto.