Nota informativa sobre a nube de cinzas xerada por erupción volcánica (Islandia)

Nota informativa sobre a nube de cinzas xerada por erupción volcánica (Islandia)

Segundo información proporcionada pola OMS (Organización Mundial da Saúde), a nube de cinzas xeradas pola erupción volcánica en Islandia contén partículas finas que son similares ás emitidas por outras fontes de partículas.

Tendo en conta que as cinzas permanecen na parte alta da atmósfera, non é probable que aumente o risco de efectos sobre a saúde.

Segundo a OMS, a concentración pode variar dun país a outro polo efecto dos ventos e da temperatura do aire, polo que as autoridades sanitarias de Galicia están en contacto permanente coas autoridades estatais e internacionais no seguimento da evolución da situación.

Segundo a avaliación do risco efectuada polo ECDC (Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades) a poboación do sur de Europa poderia estar exposta a moi baixas concentracións de cinzas, considerando o impacto na saúde inapreciable.

O achegamento desta nube ao ceo de Galicia non fai variar esta avaliación, xa que as cinzas permanecen na parte alta da atmósfera.

Se a evolución indicase que a nube se despraza verticalmente sobre o noso territorio, de modo que se puidese producir unha exposición que represente un risco para a saúde da poboación, activaríanse as recomendacións e os plans de actuación pertinentes. Neste sentido, as autoridades ambientais e sanitarias están coordinadas, co fin de levar a cabo un estrito seguimento dos niveis de contaminación a través da  rede de vixilancia de contaminación atmosférica de Galicia.

Polo momento, na situación actual, non é preciso facer ningunha recomendación á poboación (sa ou con patoloxías respiratorias previas) para que adopte ningunha precaución.

 

Consellería de Sanidade