A poliomielite é unha enfermidade infecciosa causada polos poliovirus dos tipos 1, 2 e 3. A maioría das infeccións son asintomáticas ou presentan síntomas leves, e menos do 1% cursa con parálise. A transmisión é principalmente fecal-oral e, en menor medida, por gotas respiratorias.
En España, o último caso endémico notificouse no ano 1988 e, tras sumarse España ó obxectivo de erradicación mundial da enfermidade en 1998, en 2002 a rexión Europea da OMS foi declarada libre de polio. Actualmente, grazas á vacinación global acadouse a erradicación dos poliovirus salvaxes 2 e 3, e só o tipo 1 continúa a transmitirse en Afganistán e Pakistán. Ademais, nalgunhas zonas do mundo prodúcense abrochos por poliovirus derivados de mutacións xenéticas dos virus da vacina oral (PVDV).
En Galicia, a vacina inactivada fronte á polio forma parte do calendario infantil, administrándose aos 2, 4 e 11 meses, cunha dose de reforzo entre aos 6 anos. Manter coberturas moi altas (>95%) garantiza unha protección sólida na poboación.
Os protocolos de vixilancia da poliomielite fóronse adaptando á situación epidemiolóxica da enfermidade no noso territorio. Actualmente, a vixilancia no noso territorio realízase mediante a vixilancia da parálise fláccida aguda (PFA) en menores de 15 anos.