Prevención dos transtornos musculoesqueléticos (TME)

Prevención dos transtornos musculoesqueléticos (TME)

Presentación

O sistema sanitario público galego está integrado por máis de 400 centros asistenciais nos que traballan máis de 38.000 profesionais, dos que o 75% son mulleres, coa misión de dar unha asistencia de calidade á cidadanía galega as 24 horas ao día e os 365 días ao ano.

Así, atendendo aos principios que rexen a acción preventiva e dentro das diferentes liñas de acción que se están a desenvolver nesta materia enmárcanse as actuacións para a PREVENCIÓN DOS TRANSTORNOS MUSCULOESQUELÉTICOS (TME) dos profesionais ao servizo da Administración Sanitaria.

Estes problemas de saúde teñen unha grande incidencia na poboación en xeral e na poboación traballadora en particular, afectando a un gran número de traballadores na Agricultura, a Industria, a Construción e os Servizos, tanto en traballos pesados como de oficinas.

Para previr con eficacia os transtornos musculoesqueléticos de orixe laboral, deben determinarse en primeiro lugar os factores de risco nos os lugares de traballo e, a continuación, adoptar medidas prácticas para previr ou reducir os riscos.

Neste espazo recollerase diferente información nesta materia así como as actuacións que se desenvolvan para a prevención dos TME do persoal que traballa nas Institucións Sanitarias do Servizo Galego de Saúde, co obxecto de acadar unha maior sensibilización a nivel de toda a organización respecto a importancia da súa prevención no noso ámbito.